A AVARIA CAUSA GRAVES PROBLEMAS ÁS PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA
Semanas despois de se avariar, nin Xunta nin Goberno Local arranxan o ascensor do Rosalía de Castro
É por isto que a nosa concelleira Mercedes Queixas -quen na súa calidade de deputada tamén leva o asunto ao Parlamento galego- acaba de rexistrar un feixe de preguntas por escrito dirixidas ao Goberno Local.
Ante todo, Queixas mostra a súa perplexidade polo feito de as dúas administracións estaren máis preocupadas de se botar a culpa a unha a outra do que en resolver o grave problema de mobilidade deste colexio público.
“Se isto non se amaña con celeridade, o centro terá que reestruturarse para garantir o dereito da rapazada a asistir a clase autonomamente porque o que non se pode permitir é que a xente en cadeira de rodas teñan que subila e baixala a pulso”, afirma Queixas no texto desta iniciativa.
A concelleira quere saber se o Goberno Local é consciente deste “gravísimo problema de accesibilidade” e, se o é, desde cando.
Alén de lle lembrar ao Goberno de Inés Rey que, de acordo co artigo 25 da Lei de Bases de Réxime Local, “é competencia municipal a conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, primaria ou educación especial”, Queixas inquire “cando vai solucionar o Goberno Municipal este problema”.
A edil nacionalista empraza o Executivo coruñés a que lle esixa á Xunta “que resolva os graves problemas na cuberta que está a orixinar humidades no centro educativo”.