EN DECEMBRO DE 2021 O PLENO APROBOU UNHA MOCIÓN DO BNG A INSTAR UNHA NEGOCIACIÓN CON ABANCA

189 aniversario de Rosalía e o Goberno Local continúa sen cumprir os seus compromisos sobre a súa casa coruñesa

Casa Rosalía detalle 2
Un aspecto da casa coruñesa en que morou Rosalía, na rúa Príncipe
Este luns 23 de febreiro é o 189 aniversario da nacenza de Rosalía de Castro, a nosa poeta nacional e residente na nosa cidade entre os anos 1871 e 1874.
189 aniversario de Rosalía e o Goberno Local continúa sen cumprir os seus compromisos sobre a súa casa coruñesa

Por este motivo, a nosa concelleira Mercedes Queixas volve emprazar o Goberno Local a que por fin dea cumprimento ao acordo unánime do Pleno do Concello de decembro de 2021 cando, a instancias do BNG, se instaba o Executivo coruñés a que negociase con Abanca a cesión ao Concello da casa coruñesa, propiedade da entidade financeira, en que morou a autora de Cantares Gallegos.

“A Coruña tamén é Rosalía e por iso desde o BNG lembramos con orgullo o moito que a nosa autora gostaba da cidade e da moita pegada que A Coruña deixou na súa vida e tamén na súa obra”, refire Queixas.

A concelleira critica a “indiferenza” do Goberno Local perante o 189 aniversario de Rosalía e ínstao a que cumpra cos seus deberes pendentes, o logro da cesión da casa coruñesa da poeta para a súa rehabilitación e musealización.

“Case 5 anos despois do acordo do Pleno, volvemos esixirlle ao Goberno de Inés Rey que o materialice e que traballe para contribuír a ensanchar a memoria viva dunha galega universal como é Rosalía de Castro. Porque A Coruña tamén ten a enorme fortuna, e orgullo, de ser unha cidade rosaliana”.

 

 

 

189 aniversario de Rosalía e o Goberno Local continúa sen cumprir os seus compromisos sobre a súa casa coruñesa