XUNTA E GOBERNO LOCAL CONTINÚAN SEN CUMPRIR COAS SÚAS OBRIGAS DE COIDADO DA ESCOLA PÚBLICA NA CIDADE

Queixas volverá levar ao Concello e ao Parlamento as demandas da comunidade educativa coruñesa

A concelleira e deputada do BNG Mercedes Queixas vaise dirixir á Xunta e ao Goberno Local para lles trasladar as demandas da comunidade educativa coruñesa, moi preocupada polo abandono en que se achan diversos centros de ensino público na Coruña.
Queixas volverá levar ao Concello e ao Parlamento as demandas da comunidade educativa coruñesa

Unha situación de abandono que ten levado a Federación de ANPAS da Coruña a convocar unha mobilización o sábado 28 de febreiro, na nosa cidade.

Através dun vídeo pendurado nas nosas redes sociais -que achegamos como elemento relacionado-, Queixas critica a Xunta e o Goberno. “O un polo outro, a casa sen varrer. Estamos fartas de que o único que fagan sexa intercambiar reproches. A culpa é túa, non, non, é túa. Mentres tanto, nin uns nin outros atenden os seus deberes e competencias no coidado dos centros públicos de ensino, o Goberno Local no que ten a ver co mantemento básico e a Xunta, no que atinxe as obras maiores -reformas integrais, etc- e a dotación de profesorado”, remarca Queixas.

Felizmente, a comunidade educativa coruñesa si ten reaccionado e mesmo ten elaborado “un documento que é unha radiografía de como están os colexios da nosa cidade”, achegando propostas “que desde o BNG asumimos totalmente”. Ese documento xa lle foi entregado ás administracións responsábeis.

Por súa partes, Queixas ten impulsado un bo feixe de iniciativas, quer no Concello quer no Parlamento galego. Así, o pasado 15 de xaneiro, o Pleno aprobou por unanimidade unha moción da súa autoría sobre a necesaria recuperación da calidade dos centros de ensino públicos coruñeses.

 

 

Queixas volverá levar ao Concello e ao Parlamento as demandas da comunidade educativa coruñesa