HORTAS URBANAS
Seguimos sen prazos para recuperar as hortas urbanas de Novo Mesoiro
Entendemos que o Goberno municipal aínda non ten decidido nin onde nin cando reinstalará as hortas urbanas de Novo Mesoiro
Despois de lle trasladar ao Executivo local unha batería de preguntas a respecto da nova situación destas hortas logo de se ceder o terreo onde estaban para a construción do novo Colexio deste barrio, recibimos por escrito unha contestación ambigua na que non se aclara a situación inmediata das mesmas
Entendemos, despois de que nos foran achegadas por escrito as respostas (preme aquí para velas) a respecto das preguntas realizadas sobre a nova situación das hortas urbanas de Novo Mesoiro (que foron estas), que o Goberno municipal aínda nin ten decidido o lugar da reinstalación nin os prazos para realizala.
E é que no mes de maio trasladaramos unha batería de preguntas a respecto destas hortas despois de que os terreos onde estaban situadas foran os que finalmente se cederon á Consellaría de Educación para a construción do novo colexio para este barrio, polo que tiveron que ser pechadas e, por tanto, cesar na actividade as persoas que as estaban a empregar até o momento da cesión.
Deste xeito, preguntabamos se o Goberno municipal tiña decidido xa o lugar da súa nova situación concreta e se aínda non se tiña decidido que prazos se manexan para a nova instalación das hortas.
Sen embargo, o Executivo local, nas respostas remitidas non aclara a localización exacta e responde se xeito ambiguo ao prazos manexados, emprazando á segunda metade deste ano. Só aclara os criterios polos cales se procederá a escolla dos terreos, algo que tamén requiriamos, e a condición de gratuidade de acceso ás persoas solicitantes para o seu uso, que por certo vén motivado polas achegas e emendas realizadas polo nós no seu momento ás ordenanzas fiscais
O Goberno municipal tivo claro, e así anunciou desde un principio, que ía ceder eses terreos para a construción do novo colexio de Novo Mesoiro. Por iso parécenos moi grave que, ao mesmo tempo que se facía ese anuncio, non se buscara alternativa para a nova situación das hortas e así causar a mínima distorsión posíbel á xente que empregaba eses terreos. Agora atopámonos que ese terreo está xa cedido, mais sen lugar e prazos para as hortas.
A Coruña, 12 de xuño de 2017
Noticias relacionadas: