Santa Lucía ou os Orzamentos Participativos algunha das preguntas do BNG para o pleno de setembro
A Coruña, 4 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG formulará no Pleno do luns unha pregunta oral sobre o estado de execución do acordo entre o Concello e a empresa concesionaria do mercado de Santa Lucía. Desde o BNG lembran que a mediados de agosto o Concello alcanzou un acordo coa empresa concesionaria do mercado de Santa Lucía polo que esta comprometíase a facer as reparacións imprescindibles porque, segundo o propio concelleiro de Emprego e Economía Sostible, Alberto Lema, formaba parte das obrigacións previstas non contrato. Estas reparacións, que técnicos municipais estimaron nuns 600.000 euros, deben ser realizadas na instalación antes de devolvela ao Concello nun prazo de seis meses, isto é, antes do 23 de xaneiro. Por riba, indican as nacionalistas, desde que a empresa entregou as chaves ás praceiras e os placeiros o 1 de agosto, estes seguen abrindo e limpando o mercado para poder seguir traballando, sen ter noticia algunha da empresa ou do concello de cando estas tarefas volverán ser asumidas, ou mesmo se o serán, pola concesionaria.
O BNG preguntará no Pleno sobre o estado de execución do acordo entre o Concello e a Concesionaria do mercado de Santa Lucía
Outra das preguntas orais que formulará o Grupo municipal do BNG será sobre que mecanismos incorporará o Goberno municipal para cumprir a súa promesa da campaña de facer dos orzamentos municipais de 2016 uns orzamentos participativos. Neste sentido, as nacionalistas queren saber que instrumentos e medios se empregarán para incorporar as demandas cidadás, das asociacións, das entidades e colectivos e que prazos empregará para isto.
Que mecanismos ten pensado por en marcha o Goberno municipal para facer participativos os orzamentos municipais do 2016 e o mantemento do gasto para a celebración da Copa do Rei de baloncesto son as outras dúas preguntas orais das nacionalistas
Por último, o BNG pregúntalle ao Goberno municipal se vai manter o gasto superior aos 600.000 recollido no acordo asinado pola Fundación de EMALCSA polo canon que a Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB) cobra pola celebración da fase final da Copa do Rei de baloncesto que se ten previsto celebrar na cidade en febreiro de 2016, protocolo asinado polo anterior alcalde Carlos Negreira a principios deste ano.