LEVAN A SINATURA DE MERCEDES QUEIXAS

Rogos orais en demanda de melloras nos CEIP Alborada e San Pedro de Visma

Escaleira non accesíbel no CEIP Alborada
Escaleira non accesíbel no CEIP Alborada
A concelleira do BNG Mercedes Queixas rexistrou rogos orais, para a súa lectura no Pleno do vindeiro xoves, co propósito de o Goberno Local mellorar o estado dos CEIP de San Pedro de Visma e Alborada.
Rogos orais en demanda de melloras nos CEIP Alborada e San Pedro de Visma

Canto ao CEIP de San Pedro de Visma, Queixas denuncia que a súa comunidade educativa sofre a diario problemas de inseguridade viaria por uns accesos deficientes, marcados por unha calzada estreita, con atascos frecuentes, dobre circulación e coches estacionados nun lateral de forma irregular.

Así, a concelleira pídelle ao Goberno de Inés Rey que dispoña os medios necesarios para regular o tránsito rodado no horario de entrada e saída deste CEIP, de modo a velar pola seguridade da comunidade educativa que se desloca a pé.

No que atinxe ao CEIP Alborada, presenta dous problemas. O primeiro, o da deficiente accesibilidade das entradas ao centro, cunha escaleira que conduce ás aulas de primaria, ao comedor e ao patio segundo se entra do exterior e que non é accesíbel para todo o alumnado do centro, obrigando algunhas crianzas a daren un grande rodeo para ir ao acceso das e dos alumnos de educación infantil.

Deste xeito, Queixas insta o Goberno Local a que estude, de común acordo coa equipa directiva do centro e a Consellaría de Educación, as necesidades de mellora urxente do CEIP Alborada en materia de accesibilidade e dea conta desas conversas á ANPA.

O segundo problema ten a ver coa urxente necesidade de adaptar un baño para un alumno de infantil que depende permanentemente dunha cadeira de rodas. Esta situación foi posta en coñecemento do Goberno Local por parte da equipa directiva do centro hai xa tres anos, sen que o executivo de Inés Rey fixese nada ao respecto.

O rogo empraza o Goberno Local a que, á maior brevidade, se comprometa a asumir as obras necesarias para facer un baño adaptado no CEIP Alborada.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Rogos orais en demanda de melloras nos CEIP Alborada e San Pedro de Visma