EN MATERIA DE MOBILIDADE, ACCESOS AO CEIP, SEGURANZA VIARIA E DOTACIÓN DE NOVOS EQUIPAMENTOS PÚBLICOS

Queixas pídelle ao Goberno Local que atenda as demandas da veciñanza de San Pedro de Visma

San Pedro de Visma.
Obras en marcha en San Pedro de Visma
San Pedro de Visma constitúe unha comunidade humana, unha parroquia, con lugares como As Bouzas, O Barral, As Pedreiras, Cal de Moreiras, O Coidal, As Figueiras...
Queixas pídelle ao Goberno Local que atenda as demandas da veciñanza de San Pedro de Visma

San Pedro de Visma constitúe unha comunidade humana, unha parroquia, con lugares como As Bouzas, O Barral, As Pedreiras, Cal de Moreiras, O Coidal, As Figueiras...

Segundo os datos do INE, a 1 de xaneiro de 2024 habitan ese barrio 3.171 habitantes. Unha parroquia que está a asistir a unha grande transformación urbanística que vai mudar radicalmente o seu territorio e que, por tanto, vai afectar de forma notoria a súa mobilidade. Un desenvolvemento xa en marcha que prevé a construción de case 3.600 vivendas antes do ano 2030, coa dotación de 90 mil metros cadrados e espazos públicos.

É por isto que a concelleira do BNG Mercedes Queixas leva ao Pleno deste xoves unha moción en que se recollen diversas demandas da Asociación Veciñal de San Pedro de Visma, un colectivo moi activo na formulación de propostas con vistas a seren incorporadas ao novo deseño urbanístico.

Coa moción o BNG insta o Goberno Local a que deseñe e programe a execución dun plan de mobilidade específico para Visma -con especial destaque para a reordenación interna na rúa do Barral-, ben como tamén a que mellore con carácter de urxencia os accesos ao CEIP do barrio, atendendo quer o transporte escolar quer a habilitación de camiños escolares peonís seguros desde a parte alta do barrio.

Unha mobilidade específica que -e esta é unha reivindicación especialmente querida polas veciñas e veciños- inclúa por suposto a posibilidade de ir de a pé entre os diferentes núcleos tradicionais e os barrios próximos, a recuperar os vellos camiños, a eliminar barreiras e zonas inseguras, á vez que se mellora substancialmente o transporte público.

A seguridade viaria tamén ten un capitulo nesta moción, os referidos á súa mellora na estrada de Visma ao Portiño -beirarrúas, alumado e pasos- e á estrada de Mazaído, unha vez transferido este vial á titularidade municipal.

Queixas urxe tamén o Goberno Local a que, de común acordo coa veciñanza, humanice o espazo situado á beira da praia do Portiño, ao tempo que estude a execución dun vial que conecte coa EDAR de Bens, de modo a evitar o paso de camións polo medio do núcleo de Visma.

Por último, o BNG recolle a demanda veciñal de que se amplíen “o número e a calidade dos equipamentos públicos”, coa creación dunha pista multideporte na zona do campo da festa.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Queixas pídelle ao Goberno Local que atenda as demandas da veciñanza de San Pedro de Visma