UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA

Un rogo oral para que non volva haber esperas de case 20 días para enterrar as cinzas dun ser querido en Santo Amaro

Cemiterio_de_Santo_Amaro_(2)
Un aspecto do exterior do cemiterio
Ante a denuncia feita por un veciño da Coruña nas redes sociais –el e a súa familia tiveron que agardar 19 días para dar sepultura ás cinzas da súa avoa no cemiterio de Santo Amaro- o portavoz do BNG no Concello Francisco Jorquera rexistrou este martes un rogo oral para o Goberno Local reforzar o servizo de cemiterios e así “evitar o sufrimento e as longas agardas das familias que queren darlle o último adeus a persoas queridas”.
Un rogo oral para que non volva haber esperas de case 20 días para enterrar as cinzas dun ser querido en Santo Amaro

A explicación que lle deron ao veciño para xustificaren tantos días de espera é que no cemiterio de Santo Amaro só se autorizan dous enterros de cinzas ao día, norma que se mantén mesmo nos días en que non se dá sepultura a ningún ataúde.

“Esta maneira de organizar o tempo provoca que moitas persoas teñan que agardar máis de 19 días para despedir os seus seres queridos”, anota Jorquera no texto dun rogo oral que rexistra para a súa lectura no Pleno do vindeiro 11 de abril. Lamenta o portavoz nacionalista tamén a falta de empatía que o veciño observou na actitude dos responsábeis municipais ante tan longa espera por parte da familia.

Insta finalmente Jorquera a Concellaría de Medio Ambiente a que “se reformule a organización dos tempos do Servizo de Cemiterios” para evitaren que episodios como o aquí relatado se reproduzan.

 

 

Un rogo oral para que non volva haber esperas de case 20 días para enterrar as cinzas dun ser querido en Santo Amaro