MESA DA MOBILIDADE
Avia Veira avanza que un Goberno Local liderado polo BNG porá o acento na reconfiguración do transporte público urbano
“Foi unha xuntanza con participación, mais con moitas demandas que continúan sen se resolver”, engade.
Fronte ao baleiro que caracterizou este mandato no Concello en materia de mobilidade, o BNG considera que “hai moito que facer e que cómpre mudar a perspectiva para construír unha Coruña para as persoas”.
De aí que Avia Veira avance que un Goberno Local liderado polo BNG deseñaría un ambicioso conxunto de medidas para avanzarmos cara unha cidade sostíbel medioambiental e socialmente.
Un Goberno Local liderado polo BNG porá o acento, subliñou, en reconfigurar o transporte público urbano para o deseñar de acordo cos intereses das coruñesas e dos coruñeses, mudando o mapa de liñas, aumentando frecuencias e horarios e garantindo a conexión dos barrios entre si.
“Aumentaríamos tamén o espazo para os peóns, faríamos unha cidade accesíbel para todas as persoas, unha Coruña mellor iluminada e con rúas en bo estado”, asegura Veira, para quen tamén é preciso “elevar os pasos de peóns, pór os tempos dos semáforos á medida das persoas viandantes para poder atravesalos sen ter que correr e dotar a contorna da cidade con aparcadoiros disuasorios, ben conectados co transporte público”.
En definitiva, trátase de despregar no próximo mandato, co BNG á fronte do Goberno Local, o que non deu feito o actual Executivo coruñés, unha
política de mobilidade transformadora pensada para as persoas e para a democratización do espazo público.