A resposta do Goberno Local á pregunta total de Jorquera sobre a Casa Cornide: as evasivas de sempre

Jorquera CC
Jorquera CC
A pregunta total de Francisco Jorquera ao Executivo coruñés sobre a Casa Cornide –señoras e señores do Goberno Local, sobre a Casa Cornide, que?- foi respondida polo concelleiro delegado de Memoria Histórica, Jesús Cornide, cunha nova evasiva sobre o momento en que eventualmente o Concello materializaría a demanda para recuperar o palacete que en tempos foi sede do consistorio coruñés.
A resposta do Goberno Local á pregunta total de Jorquera sobre a Casa Cornide: as evasivas de sempre

“Pregúntolle con claridade, van presentar a demanda, si ou non? Vano facer antes de concluír o mandato, si ou non?”, inquiriu orquera, non sen antes pór en destaque que esta é a sexta vez que o BNG leva este asunto ao Pleno no que vai de mandato e de lembrar que na sesión plenaria de setembro de 2019, a primeira deste período de catro anos, o Pleno aprobou unha moción nacionalista en que se instaba o Goberno Local a que fose aos tribunais para recuperar a Casa Cornide.

“Si se vai recuperar e si se vai interpor a demanda”, respondeu Celemín, mais sen maiores precisións e sen especificar se o recurso aos tribunais se presentará nos meses que fican antes das eleccións de maio.

Mais a seguir volveu botar man o concelleiro de Memoria Histórica dun argumento clásico para xustificar por que a estas alturas aínda non se presentou a demanda: porque a Xunta non completou o proceso de declaración do palacete como BIC.

En realidade, son dous procesos independentes e que non teñen por que condicionar o un ao outro. Isto é, o Goberno Local pode presentar a demanda sexa a Casa Cornide BIC ou non. E desde logo, pódeo facer neste punto, cando o proceso xa se incoou en maio de 2021 e o palacete goza dun certo grao de protección (até se podería arbitrar un réxime de visitas para o público –cousa que non fai a Xunta por falta de vontade política- e os aínda donos, os Franco, están obrigados a comunicarlle á Administración calquera oferta de compra que reciban).

 

celemin
Celemín, durante o Pleno

En realidade, o único que explica por que o Goberno Local non interpuxo esa demanda é precisamente por falta de vontade política. Como explicou Jorquera na súa intervención, o Concello dispón desde o verán de 2020 dun estudo histórico e desde decembro dese mesmo ano un informe xurídico que fundamentarían perfectamente a acción xudicial.

“Estase a argumentar a demanda. Esperamos que se declare BIC definitivamente. O que se está a facer é recabar información e documentación histórica esencial para a demanda. Leva moito tempo e moito traballo nos arquivos. Non sempre é doado dar con ela”, explicou Celemín.

“A loita cívica e a iniciativa das institucións implicadas conseguiu a recuperación do Pazo de Meirás. Sería unha vergoña que non aconteza o mesmo coa Casa Cornide porque o Concello da Coruña se inhiba de emprender accións ilegais para recuperar o patrimonio que nos foi usurpado polos Franco”, concluíu Jorquera.

 

 

 

A resposta do Goberno Local á pregunta total de Jorquera sobre a Casa Cornide: as evasivas de sempre