ESTAMOS BASICAMENTE ANTE UN PROXECTO FUME E PROPAGANDÍSTICO

Avaliación do grupo municipal do BNG sobre o ultimato lanzado pola Xunta en relación á pasarela

Pasarela sobre a Ría do Burgo
Recreación da pasarela
O grupo municipal do BNG fai a seguinte avaliación en relación ao ultimado lanzado pola Xunta aos concellos da Coruña e Oleiros en relación ao proxecto de construción dunha pasarela peonil entre As Xubias e Santa Cristina:
Avaliación do grupo municipal do BNG sobre o ultimato lanzado pola Xunta en relación á pasarela

1.-Non é aceptábel a posición dunha Xunta que formula un ultimato e amaga cunha chantaxe aos Concellos da Coruña e Oleiros. É todo o contrario á necesaria dinámica de diálogo que se ten que establecer entre institucións públicas. O proxecto nace xa viciado de orixe: non foi obxecto de conversas previas no seu arranque e agora pretende ser imposto pola vía dos feitos consumados, coa ameaza de retirar investimentos que na nosa cidade poderían ser empregados en usos ben máis proveitosos e se ten algunha dúbida o Goberno galego ben lle podería botar unha ollada ás nosas emendas aos orzamentos da Xunta para 2023.

2.-Estamos basicamente ante un proxecto fume e propagandístico que, polo que informou o Goberno central ao noso deputado no Congreso Néstor Rego, non foi informado previamente nin a Demarcación de Costas nin ao ADIF nin a Aviación Civil.

3.-A proposta da Xunta implica unha importante afectación ambiental ás correntes, bancos marisqueiros e ao sistema dunar da Praia de Santa Cristina. Aínda ten menos sentido se temos en conta que está pendente a rexeneración da fachada marítima entre Oza e A Pasaxe.

4.-Na vez de formular ultimatos e chantaxes, a Xunta faría mellor en desenvolver as súas competencias en materia de transporte e nesa liña debería preocuparse da mellora da liña de buses entre Ferrol e A Coruña e do autobús metropolitano.

Estaría ben tamén que reclamase, coa dotación económica correspondente, a xestión dos servizos ferroviarios de cercanías para acabar coa vergoña de as áreas da Coruña e Vigo seren as máis poboadas do Estado que carecen destes servizos.

Sería de agardar igualmente que o Goberno galego impulsase a recuperación do transporte marítimo que poda unir os concellos da Coruña e Oleiros -estudando tamén a hipótese de incluír Sada-, tal e como o BNG vén defendendo desde hai lustros, no canto de poñer atrancos á posta en marcha deste modo de mobilidade.

Para o noso voceiro e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, a Xunta, en vez de desenvolver a fondo as súas competencias en materia de transporte, aposta pola “política de pasarela”, a “aparencia” e o “exercicio de exhibicionismo” e non por “resolver necesidades reais” da cidade e a súa comarca.

“Á Xunta gústanlle as pasarelas. De feito, durante varios anos o investimento máis importante da Xunta na Coruña foi a pasarela a Marineda City”, conclúe Jorquera.

 

 

Avaliación do grupo municipal do BNG sobre o ultimato lanzado pola Xunta en relación á pasarela