A reforma da lei local provocará o despido de traballador@s e a privatización de servizos municipais
A Coruña, 6 de abril de 2013.- O BNG da comarca da Coruña organizou esta mañá un acto formativo en que as nacionalistas debullaron o chamado anteproxecto de lei de racionalización e sustentabilidade na Administración local, lei detrás da que se agochan a privatización dos servizos que prestan os municipios, o despedimento de traballadoras que neles traballan e o baleirado de competencias dos concellos. Así, Raúl Fernández, responsábel local do BNG na Coruña, e Raquel Jabares, tenente de alcalde de Culleredo, advertiron da aniquilación da autonomía local.
As nacionalistas lanzaron a voz de alarma ante a ocultación do que supón esta lei no caso da nosa comarca, xa que prexudica, principalmente, a Sada, Betanzos, Bergondo, Carral, Abegondo e Aranga. Estes concellos deixarán de prestar servizos municipais e que pasarán a depender das Deputacións, o que, á vista do BNG, é un claro retroceso. Apuntaron, tamén, que esta lei reforzará o papel destes entes provinciais e lembraron que a súa supresión aforraría máis de 300 millóns ao ano.
Raúl Fernández e Raquel Jabares advertiron de que o efecto sobre servizos públicos e prestacións sociais que até hoxe se prestan baixo a responsabilidade dos concellos, vai ser demoledor, tanto en parámetros de calidade como de extensión e cobertura dos servizos. E é que os concellos deixarán de prestar servizos como a axuda ao aluguer municipal, a asistencia a domicilio, as políticas de mocidade, as políticas de igualdade, as de normalización ou mesmo a prevención á drogodependencia. A perda de competencias municipais condenará, en gran medida, á inutilidade dos concellos de menos de 20.000 persoas, expuxeron.
Ademais, as nacionalistas salientaron que vai ser Madrid, unha clara invasión de competencias, quen decida que servizos poden prestar os concellos, canto poden gastar e en que. De feito, secretarios e interventores da Administración local serán nomeados desde o Goberno central. Este anteproxecto, engadiron, supón unha volta de torca máis na regresión cara ao final do franquismo.
O BNG da Coruña iniciou con esta xornada unha campaña explicativa coa que as nacionalistas desenmascararán as perversións desta reforma, unha reforma que cualifican de despropósito. Ademais de debullarlle á cidadanía que efecto terá a lei nos municipios da comarca, o BNG levará mocións a todos os concellos para reclamar a retirada do anteproxecto.