As axudas públicas non son a solución á crise que sofre Alvedro
A Coruña, 5 de abril de 2013.- Sobre os 1,4 millóns que o Goberno municipal acordou outorgarlle a Globalia, empresa de Air Europa, para conectar A Coruña con Madrid, o Grupo Municipal do BNG advirte de que repartir cartos públicos entre as compañías aéreas non é solución á crise de Alvedro. Así, as nacionalistas critican as axudas ás aeroliñas, cando o Goberno municipal lle sobe a factura da auga ou o prezo do bus á cidadanía e cando non hai cartos nin para os comedores escolares.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a solución non pasa polas axudas públicas ás compañías aéreas, senón pola creación dun sistema aeroportuario de Galiza que actúe en clave de igualdade e complementariedade dos tres aerportos. Só traballándomos, conxuntamente, a través dun sistema aeroportuario galego, Alvedro poderá facerlle fronte a aeroportos como o Sáa Carneiro, que segue a levar pasaxeiros e pasaxeiras.
As nacionalistas esperan que a chegada de Air Europa a Alvedro sexa o alicerce para que a medio prazo o aeroporto poida volver aos 1,3 millóns de persoas usuarias. Así, amosan o desexo de que non aconteza o mesmo que con Easyjet, que apenas levaba uns meses operando desde A Coruña cando anunciou a súa marcha.