UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENODECEMBRO DO XOVES 11D

Recuperar o carril bus para facer da Coruña unha cidade máis sostíbel

Avia Veira Mobilidade Transporte Urbano
A Coruña necesita un carril bus para facer unha cidade “máis sostíbel e cun tránsito menos conxestionado, con tempos de desprazamento máis curtos”.
Recuperar o carril bus para facer da Coruña unha cidade máis sostíbel

Así o afirma a nosa concelleira Avia Veira, quen vai levar o asunto ao Pleno do vindeiro xoves 11 de decembro en forma de pregunta oral. A cuestión rezará como segue: “Por que non impulsou o Goberno Local a instalación dun carril bus na nosa cidade?”.

O carril bus foi suprimido polo PP durante a Alcaldía de Carlos Negreira, e no comezo do seu mandato (2011-2015), e ningún goberno local foi quen de o repor desde aquela altura.

“A Coruña necesita un carril bus. Necesítao para lle aforrar tempo ás persoas que recorren ao transporte público urbano. Necesítao para lle facilitar o traballo ás condutoras e condutores dos buses. E necesítao para alixeirar o tránsito na cidade”, resalta Veira, responsábel de Mobilidade no grupo municipal nacionalista.

“Repercute nunha mellor mobilidade e, por conseguinte, nunha mellor calidade de vida para as coruñesas e coruñeses”, engade.

Veira lamenta que o Goberno Local non materializase o proxecto de instalar un carril bus en Xoán Flórez, após lle encargar a redacción dun estudo a unha consultora. O Concello dispuña de 500.000 euros de fondos Next Generation para os investir nesa infraestrutura de mobilidade, diñeiro que obviamente non foi utilizado.

“Non entendemos por que non se impulsa a instalación do carril bus. Falamos dunha decisión que se pode levar á práctica de forma rápida e que é unha medida moi efectiva, como se pode comprobar en múltiples cidades europeas”, argúe Veira, quen salienta que “a mobilidade é unha competencia propia do Concello, así que a instalación do carril bus depende exclusivamente da vontade política do Goberno de Inés Rey”, conclúe.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Recuperar o carril bus para facer da Coruña unha cidade máis sostíbel