UNHA PROPOSICIÓN NON DE LEI PARA A XUNTA RESTITUÍR DE INMEDIATO A PRAZA DA SEGUNDA COIDADORA DO CENTRO, ELIMINADA O 28 DE NOVEMBRO
Queixas leva ao Parlamento galego o novo recorte no CEIP Concepción Arenal
Continúan os recortes no CEIP Concepción Arenal. Após a eliminación de prazas de docentes especialistas no apoio ao alumnado máis vulnerábel, a Xunta acaba de suprimir -fíxoo o pasado 28 de novembro- unha das dúas prazas de coidadoras neste centro de ensino público coruñés.
É por isto que a deputada do BNG Mercedes Queixas vén de rexistrar unha proposición non de lei por medio da cal insta a Xunta a que restitúa de inmediato esa paraza “para garantir o dereito de atención educativa da totalidade do alumnado”.
A comunidade educativa do CEIP Concepción Arenal, refire Queixas, denuncia que “este recorte dunha figura tan importante está a provocar unha importante diminución na calidade educativa e asistencial no alumnado máis necesitado, unha discriminación que a cidadanía non pode tolerar”.
Canto á supresión das prazas de profesorado de apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais, todo o que deu feito a Xunta foi cubrir unha praza de PT a tempo parcial, unha medida claramente insuficiente tendo en conta a cantidade de crianzas que requiren de atención específica.
A Queixas cústalle entender como a Xunta “sendo como é coñecedora da casuística do alumnado ao que nos estamos a referir, retire un servizo de atención e coidado tan importante para o alumnado”, sen ser capaz de lle comunicar aos responsábeis do centro “cando se vai recuperar” esa praza.