SAGURIDADE VIARIA
O recente pintado dos sinais horizontais pode supoñer un risco para a seguridade viaria
Presentamos unha iniciativa para que o Goberno municipal corrixa as sinalizacións xa realizadas e non se cometa o mesmo erro para as que se teñen previsto realizar nos vindeiros meses
Vimos de rexistrar unha iniciativa (que podes descargar premendo aquí) na que advertimos ao Goberno municipal que os repintados e novos pintados que se están realizando nas últimas semanas da sinalización horizontal viaria pode supoñer un risco para a circulación.
Até o noso Grupo Municipal achegouse veciñanza, principalmente usuarios de motos, motocicletas e bicicletas, que indicaron que estes “repintados” ou “novos pintados” resultan moi perigosos para estes vehículos ao provocar que esvaren e, por tanto, poñer en risco a integridade física das e dos condutores.
Toda esta sinaléctica, como o pintado e repintado de pasos para peóns, raias de detención de “stops” e “cedas”, sinais de regulamentación de velocidade máxima, como a colocada a ambos carrís da Avenida de Alfonso Molina no tramo de titularidade municipal, etc., ten como obxecto aumentar a seguridade viaria, mais polo xeito no que se están a realizar este obxectivo non se cumpre. Lembramos que, por exemplo, tradicionalmente desde hai anos, nos pasos para peóns que se viñan pintando nesta cidade, substituíse unha das raias horizontais do propio paso por un pequeno logo que indicaba que se habilitaba ese espazo para o paso de ciclos e vehículos de dúas rodas.
É por iso que instamos o Goberno municipal que exixa á empresa que está realizando estas tarefas de pintado ou repintado a corrección, a maior brevidade, de todas estas actuacións levadas nas últimas semanas e se proceda, de aquí en diante, a realizar estes traballos de acordo ás medidas de prevención xa contrastadas, co obxecto de garantir a seguridade viaria das persoas usuarias dos vehículos de dúas rodas.
A Coruña, 19 de setembro de 2018.