MEDIO AMBIENTE
Solicitamos ao Goberno local a retirada dun niño de avespa velutina do campo municipal da Leyma
Este niño xa se ten detectado e denunciado desde hai máis dun mes
Vimos de solicitar ao Goberno municipal a retirada con urxencia dun niño de avespa velutina detectado no interior do campo de fútbol da Leyma.
Na nosa iniciativa indicamos que este niño, localizado a tres metros do propio campo onde se celebran adestramentos e competicións, ten mesmo na actualidade un valado perimetral que impide o achegamento da xente.
Hoxe en día estas instalacións son empregadas por máis de 250 rapazas e rapaces e máis 150 adultos que acceden de forma cotián ao propio campo.
Dáse a circunstancia que este niño está localizado na zona máis próxima aos edificios da contorna da propia instalación municipal, téndose xa rexistrada algunha denuncia por parte da veciñanza xa que logo non poden abrir as fiestras pola incidencia de varios abázcaros desta especie. É por isto que instamos o Goberno municipal a que realice as accións necesarias, e actúe á maior brevidade, para eliminar este niño de avespa velutina.