UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
Pór unha rampla entre Manuel Deschamps e o Camiño do Piñeiral: non é tan difícil
“Mentres o Goberno Local se gaba de traballar na humanización das rúas da cidade, na Agra e no Peruleiro teñen unhas escaleiras que son unha auténtica barreira arquitectónica entre os dous barrios”, afirma Veira na exposición de motivos desta iniciativa.
Esa é a razón que levou a “un grupo de veciños e veciñas” a entregaren, nas oficinas do Concello no Ágora, un total de 425 sinaturas coas que se reclamaba a adecuación da intersección entre a rúa Manuel Deschamps e o Camiño do Piñeiral aos criterios de accesibilidade.
Unha cidade con atrancos que impidan o tránsito en igualdade de condicións para todo o mundo non é unha urbe plenamente democrática, entende a concelleira do BNG, quen o pasado 20 de setembro acompañou a representación veciñal no acto de rexistro das sinaturas.
O teor literal do rogo é o seguinte: “Que o Goberno Local poña solución ao problema de accesibilidade entre a rúa Manuel Deschamps e o Camiño do Piñeiral, substituíndo as escaleiras actuais e facilitando a instalación dunha rampla”.