JORQUERA AVALÍA O ENCONTRO DA ALCALDESA COA MINISTRA DE TRANSPORTES
Menos anuncios publicitarios e máis compromisos nos orzamentos do Estado
Jorquera remarca que as partidas que aparecen nas contas estatais para 2023 para obras como a reforma da Avenida da Vedra, a ampliación da Ponte Pasaxe ou a Cuarta Rolda son “testemuñais”.
Canto á reforma da Avenida da Vedra, subliña o voceiro nacionalista que “aínda que as obras se licitasen en 2023, coas partidas que figuran nos orzamentos é imposíbel que se comecen a executar nese ano”.
Para Jorquera, a reunión Inés Rey-Raquel Sánchez é “máis noticia polo que non se anunciou que polo que si se anunciou”.
E así, nese sentido, enfatiza que “hai ausencias clamorosas”, entre elas a falta de partidas para a modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña ou para a implantación de servizos de proximidade ou cercanías.
“É un insulto”, estendeuse, “que de novo só figure unha dotación ridícula, de apenas 28 mil euros, para o bypass de Betanzos”. “Os problemas de mobilidade na comarca da Coruña non se arranxan apostando só polo vehículo particular”, acrecentou.
Ausencia clamorosa tamén a da solución á débeda do porto. “O anuncio que estamos a agardar é que o Goberno Central teña disposición a formar parte dun consorcio que asuma a transformación da fachada marítima, achegando nos vindeiros anos unha cantidade equivalente á débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria pola construción dunha infraestrutura decidida nun Consello de Ministros”.
Tampouco houbo ningún compromiso por parte da ministra en orde a financiar a rehabilitación do antigo cárcere provincial. Para Jorquera, non é de recibo “que o Concello teña que pagar 2,3 millóns de euros pola cesión da titularidade dun edificio en ruínas e a Administración central nin sequera se comprometa a financiar a súa restauración”.
En todo caso, avanzou Jorquera que o BNG está a traballar na preparación de emendas aos orzamentos do Estado e, nesa dirección, salientou que “agardamos que as/os deputados/as coruñeses/as de PP, PSOE e Unidas Podemos as apoien”. “Ese sería o mellor compromiso coa Coruña no canto de anuncios publicitarios”, concluíu.