LEVA O ASUNTO, EN FORMA DE PREGUNTA ORAL, AO PLENO DO VINDEIRO 7 DE NOVEMBRO

Queixas alerta de que Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye aínda non son fillos adoptivos da cidade

Ibrahima e Magatte en María Pita
Ibrahima e Magatte en María Pita, após un encontro con Francisco Jorquera e Avia Veira
Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye puxeron en risco a súa integridade ao tentar salvar a vida de Samuel Luiz, a vítima dun horrendo crime homófobo que conmocionou a nosa cidade e levantou unha enorme onda de indignación ante a barbarie, mais tamén de solidariedade co movemento en defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
Queixas alerta de que Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye aínda non son fillos adoptivos da cidade

Samuel Luiz foi asasinado na madrugada do 3 de xullo de 2021. Apenas dous meses despois, o Pleno do Concello aprobou por unanimidade unha moción do BNG para iniciar o procedemento que levase a nomear Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye como fillos adoptivos.

Ese procedemento, tres anos despois, aínda está pendente de se executar, polo que a concelleira do BNG Mercedes Queixas vai levar o asunto de novo ao Pleno o vindeiro xoves 7N en forma de pregunta oral, co seguinte texto: “Por que aínda non cumpriu o Goberno Local o acordo unánime do Pleno de setembro de 2021 que instaba a alcaldesa a iniciar o procedemento para outorgar o título de Fillos Adoptivos a Ibrahima e Magatte?”.

Hai xa 3 anos que o Pleno aprobou unha moción do BNG para outorgar unha distinción absolutamente merecida

“Non entendemos por que a día de hoxe, máis de tres anos despois, o Goberno Local non executou ese acordo”, afirma Queixas, quen reivindica que Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye deron unha lección de civismo e humanidade ao poren en risco a súa propia vida tentando auxiliar Samuel Luiz, vítima “da violencia extrema e da homofobia coa que os agresores” o atacaron. Unha violencia extrema que non pode ter cabida nunha cidade que Queixas reivindica como “pacífica, aberta e inclusiva”.

Non vai ser a esta primeira iniciativa que formule o BNG no Pleno para dar cumprimento ao acordo unánime de setembro de 2021: na sesión plenaria realizada o 2 de marzo de 2023, o grupo municipal nacionalista fixo un rogo oral para que o Goberno Local concluíse o trámite e materializase de vez o outorgamento do título.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Queixas alerta de que Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye aínda non son fillos adoptivos da cidade