INICIATIVA CONXUNTA BNG-MAREA PARA O PLENO DO 2D
Quen mellor que Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye para un programa educativo pola diversidade e a non violencia!
Son Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye e o Pleno do pasado mes de setembro aprobou por unanimidade, nunha iniciativa que naceu do impulso do BNG, iniciar o procedemento para que sexan declarados como fillos adoptivos da cidade da Coruña.
Ese procedemento aínda non se puxo en marcha, razón pola que os grupos municipais de BNG e Marea Atlántica rexistraron unha moción para a súa defensa no Pleno do vindeiro xoves 2 de decembro.
A moción ten dous puntos. O primeiro, instar a alcaldesa, que é a quen lle cabe facelo, a que dea inicio formal ao procedemento para lle outorgar a Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye o título de Fillos Adoptivos da cidade.
O segundo ten como orixe unha proposta da ONG EcoDesarrollo Gaia e consistiría en urxir o Goberno Local a que poña en marcha un programa educativo pola diversidade e a non violencia nos institutos e entidades sociais da cidade, contando coa colaboración de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye.
Dámoslle curso a unha iniciativa da ONG EcoDesarrollo Gaia
Os valores de fraternidade e humanidade, de defensa da diversidade e de repulsa da violencia, mostrados por Diack e Ndiaye ao tentaren salvar a vida de Samuel Luiz son cada día máis necesarios, polo que esta iniciativa pretende animar a reflexión colectiva sobre un acontecemento terríbel que conmocionou A Coruña.
Nese sentido, a palabra e o exemplo de Ibrahima Diack e Magatte Ndidaye teñen moito que achegar nun programa educativo dirixido a desterrar a violencia da nosa sociedade.