Queixas pregúntalle á Xunta que informes manexa para "desarraigar" os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos
Ese traslado é desaconsellado por “diferentes informes” -os que fundamentaron a declaración como BIC do conxunto muralístico- e por colectivos cívicos como In nave Civitas ou a Asociación O Mural por preferiren que a obra do xenial artista coruñés non fique desligada do espazo en que foi concibida e creada.
“Por que valora a Xunta trasladar os murais cando ten informes técnicos que o desaconsellan?”, inquire Queixas, ao tempo que se interesa por saber se durante a tramitación da declaración da obra como BIC dispuxo a Xunta de documentos que lle aconsellasen o traslado dos murais.
Para o BNG, o lóxico sería non desarraigar a obra do seu emprazamento orixinario e optar pola restauración e permanencia no baixo e entresollado da rúa Olmos visando deste xeito crear un espazo dedicado a Lugrís.
“Sorprende que a Xunta tome a decisión unilateral de trasladar os murais a outro espazo diferente, isto é, desarraigalos do espazo onde o pintor os creou e onde estiveron décadas construíndo a memoria cultural colectiva da cidade da Coruña”, afirma Queixas.
Neste sentido, a deputada nacionalista interpela a Xunta para saber como vai proceder para “o propietario do edificio” restaurar o inmóbel, de modo a comezar “a intervir nos murais”.