É consciente xa o Goberno Local do que ocorre no Centro Deportivo do Castrillón?
EMVSA recibiu a encomenda do Goberno Local de xestionar provisoriamente o Complexo Deportivo do Castrillón -mentres non se licitar conxuntamente co de San Diego-, mais a empresa municipal de vivenda carece dos recursos suficientes para o facer, así que se viu obrigada a subcontratar servizos que, dado que o contrato xa está caducado, se están a prestar en precario.
Esta situación xa foi denunciada por Jorquera no Pleno ordinario realizado o 14 de decembro de 2023. Daquela, o BNG alertara sobre o feito de as irregularidades e incumprimentos na prestación do servizo seren sistemáticos.
Irregularidades que se manifestan en que o cadro de persoal “é totalmente insuficiente para atender os labores asignados” e que, por tanto, se ve obrigado a realizar de xeito simultáneo diversas tarefas (monitores a facer de socorrista ou a se ocupar de labores de mantemento), para algunhas das cales non ten a adecuada formación.
O problema é grave porque, por exemplo, o persoal que manexa produtos químicos para garantir o correcto mantemento da auga da piscina (o control dos niveis de cloro) “carece da cualificación necesaria, co conseguinte risco para eles e tamén para as persoas usuarias”.
Ante estas denuncias, o portavoz do Goberno Local afirmou no debate plenario: “A información que temos non é a que vostede di, pero imos cotexalo para ver que é o razoábel”.
Pois recentemente o xulgado do social número 6 da Coruña condenou a empresa por violación dos dereito á liberdade sindical dun traballador que foi despedido por se negar a manifestar se estaba afiliado a un sindicato.
O despedimento foi declarado nulo nunha sentenza en que, ademais, se consideraba probado que o traballador despedido impartira cursos como monitor sen ter titulación e que recibira ordes para realizar tarefas -poñer as pastillas de bromo, manexar o incrementador de ph ou dosificador na sala de máquinas- para as cales carecía da formación necesaria, a pesar do risco que eses labores comportan.
Tal e como explica Jorquera na exposición de motivos desta batería de preguntas, non estamos ante un episodio illado, pois “a empresa obrigou as persoas traballadoras a asinar un escrito conforme non estaban afiliadas a ningún sindicato”. A seguir, produciuse unha cadea de despedimentos, entre eles o que acaba de ser declarado nulo.
Jorquera quere saber se o Goberno Local xa é consciente desta situación, que dicía ignorar no Pleno de decembro, e se a través de EMVSA vai supervisar “o cumprimento por parte da empresa do prego de prescricións técnicas regulador do contrato de servizos para a posta en marcha do Centro Deportivo do Castrillón”.
Ante as irregularidades cometidas, o portavoz do BNG pregúntalle ao Goberno Local se lle impuxo algunha penalidade á empresa e que medidas vai adoptar para o servizo se prestar con corrección mentres non se licitar o contrato definitivo para xestionar o Centro Deportivo do Castrillón´,