Queixas pídelle ao Goberno Local que cumpra os acordos do Pleno sobre a casa coruñesa de Rosalía
“A Coruña deixou unha forte pegada na obra de Rosalía e desde logo a nosa grande poeta nacional deixou unha forte pegada na nosa cidade”, afirma Mercedes Queixas, quen a seguir critica o Goberno Local por non ter celebrado de ningunha maneira o recente 187 aniversario -foi o pasado 23 febreiro- da autora de Cantares Gallegos. “Infelizmente, na política cultural do Concello non se ten en conta o legado rosaliano”, denuncia.
A moción de decembro de 2021 -que foi defendida no Pleno polo portavoz do BNG, Francisco Jorquera- fora aprobada por unanimidade e con ela se instaba o Goberno Local a chegar un acordo con Abanca, propietaria da casa coruñesa en que residiu Rosalía, para que se lle cedese ao Concello con vistas a rehabilitar o espazo, musealizalo e abrilo ao público.
“Máis de 2 anos despois, nada se ten feito”, lamenta Queixas. “Instamos o Goberno Local a que dea pasos para materializar o acordo e dotar a cidade dun espazo para o enaltecemento e recoñecemento da figura de Rosalía na Coruña”.
Nestes momentos, a casa -que durante a época en que pertencía a Caixa Galicia estivo a piques de ser cedida á Real Academia Galega- non está aberta ao público e atópase nun estado de seria deterioración.
“Non é posíbel que o Concello fique de brazos cruzados. Debe establecer conversas inmediatas con Abanca e ao tempo xestionar o apoio doutras administracións públicas -nomeadamente a Xunta e a Deputación- para a materialización do proxecto de rehabilitación, musealización e apertura ao público”, demanda a concelleira nacionalista.