JORQUERA DEMANDA UN MAIOR REFORZO NAS POLÍTICAS DE VIVENDA, PRIORIDADE PARA OS BARRIOS E A MELLORA DOS SERVIZOS DE LIMPEZA

Orzamentos do Concello para 2026: o BNG ve avances "na boa dirección", mais "aínda hai moito que negociar"

Conferencia de prensa Jorquera negociación orzamentos
Un momento da conferencia de prensa
Na véspera do Pleno de novembro, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, compareceu perante os medios para avaliar a marcha das negociacións conducentes a que o Concello teña novos orzamentos en 2026.
Orzamentos do Concello para 2026: o BNG ve avances "na boa dirección", mais "aínda hai moito que negociar"

Sen prexulgar o resultado final das conversas, Jorquera puxo en destaque que “se está avanzando na boa dirección”, desde o momento en que o Goberno Local parece disposto a asumir demandas relevantes formuladas polo Bloque como a recuperación dos orzamentos participativos e a devolución ao Pleno das competencias que se lle furtaron ao modificar as bases de execución orzamentaria nas contas de 2025.

A respecto da conxelación das taxas -outra das propostas centrais do BNG no curso da negociación- non só se está a avanzar, senón que hai acordo, salientou Jorquera.

“O Goberno Local aceptou a premisa de partida que puxo sobre a mesa o BNG, como se demostra coas ordenanzas fiscais que se someterán a debate e votación para a súa aprobación inicial no Pleno de mañá”, referiu Jorquera.

Mais non todas as taxas se van conxelar. Hai unha que vai subir, a número 18, a reguladora da prestación dos servizos domiciliarios (o coñecido como Servizo de Axuda no Fogar). E aquí Jorquera detívose especialmente para explicar que o incremento vén derivado da normativa autonómica, isto é, é responsabilidade da Xunta.

O Goberno Local parece disposto a asumir a recuperación dos orzamentos participativos e a devolución ao Pleno das competencias de control furtadas nos orzamentos de 2025. E hai acordo sobre a conxelación de taxas. Todas elas demandas do BNG

“A atención á dependencia é unha competencia autonómica, pero a Xunta descarga nos Concellos boa parte do custo do servizo de atención domiciliar, até o punto de provocar unha situación de asfixia económica a moitos concellos, nomeadamente os de menos habitantes e cunha poboación máis avellentada”, destacou.

Canto á aplicación desta taxa, o BNG era partidario de eximir do copagamento a todas as persoas que ingresen menos do IPREM na modalidade básica e de introducir máis tramos na táboa do copagamento da modalidade básica para incrementar a progresividade e que pagasen menos as rendas menos favorecidas.

WhatsApp Image 2025-11-05 at 12.57.15

Mais non foi posíbel porque o impiden as normas ditadas pola Xunta, polo que en 2026 as persoas usuarias verán incrementada a taxa.

A este respecto, Jorquera afeoulle ao PP da Coruña “o seu cinismo e a súa falta de vergoña” ao criticar esta suba, sendo que “a única responsábel do incremento da taxa é a Xunta de Galiza”.

  No Pleno deste xoves 6-N só vai subir unha taxa, a do SAF, e vaino facer porque así o impón a normativa autonómica, polo que Jorquera lle afea ao PP da Coruña o seu “cinismo e falta de vergoña” por criticar o aumento cando vén derivado dunha decisión da Xunta

A política fiscal do BNG, resaltou, está nas antípodas da que practica o PP na Xunta. Se o Bloque defendeu a conxelación das taxas para 2026 non é por demagoxia fiscal, senón porque en 2024 xa se produciu unha actualización importante dos tributos e porque “tendo en conta a situación económica de moitas familias, non era o momento de que se producise un novo incremento”.

A política fiscal do PP, en troca, beneficia basicamente as rendas máis altas e fúrtalle recursos aos servizos públicos e así A Coruña paga os pratos rotos: “Os investimentos da Xunta na nosa cidade volven ser raquíticos no proxecto de orzamentos autonómicos para 2026, como raquítica é a partida que se destina á vivenda pública, pese a ser competencia da Xunta ou como demostra o retraso na ampliación do CHUAC ou os recortes na sanidade e no ensino públicos”, denunciou Jorquera.

O que fica por negociar

Para recapitular, o portavoz do BNG puxo o acento en que, pese aos avances, “aínda fica moito por negociar para chegar a un acordo orzamentario”. E é que a formación nacionalista demanda un maior reforzo das políticas de vivenda -en todo aquilo que non sexa competencia autonómica-, ben como tamén outorgar unha prioridade real -e non propagandística- aos investimentos nos barrios, regularizar os servizos públicos que se prestan en precario (transporte público urbano, xestión e recollida do lixo, bibliotecas, instalacións deportivas...), prestar maior atención ás infraestruturas e entidades culturais e deportivas de base, asegurar o mantemento do espazo público, facer unha aposta decidida pola accesibilidade e mellorar o servizo de limpeza.

 

Tendes a íntegra da conferencia de prensa no noso IG.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Orzamentos do Concello para 2026: o BNG ve avances "na boa dirección", mais "aínda hai moito que negociar"