Avia Veira presenta un recurso ante a Alcaldía para levantar o veto ao seu dereito a acceder a uns expedientes urbanísticos

20240313_153244
Veira, durante a gravación dun vídeo que leva xa máis de 9 mil visualizacións na conta do BNG da Coruña en X
A concelleira do BNG Avia Veira dirixiu este venres un recurso de reposición á Alcaldía para que levante o veto que lle impediu o pasado mércores acceder, nas dependencias de Urbanismo, a uns expedientes urbanísticos relativos ao piso primeiro do número 96 da Avenida do Exército.
Avia Veira presenta un recurso ante a Alcaldía para levantar o veto ao seu dereito a acceder a uns expedientes urbanísticos

O recurso formúlase contra unha resolución da Coordinación Xeral da Alcaldía que na práctica impediu o exercicio do dereito de acceso aos expedientes dese inmóbel, solicitado por Avia Veira o día 6 de marzo.

O exercicio dese dereito vén regulado polo artigo 77 da Lei Reguladora de Bases do Réxime Local e concordantes do Regulamento de Organización e Funcións (ROF) do Concello.

En efecto, unha vez transcorridos 5 días naturais desde o momento en que se solicitou o exercicio do dereito, este debe ser considerado concedido en virtude do silencio administrativo positivo (artigo 77 da Lei Reguladora de Bases do Réxime Local, parágrafo segundo, e 14 do ROF).

Unha vez transcorridos 5 días naturais desde o momento en que se solicitou o exercicio do dereito, este debe ser considerado concedido en virtude do silencio administrativo positivo

Nada pode impedir o acceso, que debe ser inmediato e á Alcaldía non lle cabe a posibilidade de o condicionar ou de o adiar, pois, de acordo coa xurisprudencia existente, eses condicionamentos só poden ser realizados dentro do prazo dos cinco días naturais cos que conta para a resolución expresa. Expirado ese prazo, o acceso non pode ser vetado nin adiado.

Na resolución da Coordinación Xeral da Alcaldía entregada a Avia Veira, e para xustificar o veto, facíase alusión a cuestións relativas “á organización operativa e funcionamento dos diferentes centros xestores” e ao feito de que o expediente non estaba aínda concluído.

Nada pode impedir o acceso, que debe ser inmediato e á Alcaldía non lle cabe a posibilidade de o condicionar ou de o adiar

Terminaba a resolución adiando o acceso aos expedientes a “unha futura autorización da Alcaldía”.

Ningún destes condicionamentos caben, porque o silencio administrativo positivo faculta a persoa solicitante, nesta caso a concelleira Avia Veira, a acceder de forma inmediata aos expedientes. Tanto ten que estea concluído ou non -ten dereito a ver cal é o estado en que se acha a súa tramitación- e desde logo a Alcaldía non pode adiar a materialización do exercicio dese dereito.

“Todas esas restricións e limitacións equivalen, na práctica, á denegación ilegal dun dereito de acceso que xa tiña sido recoñecido por silencio positivo”, argumenta Avia Veira no recurso de reposición.

O Solicito do recurso reza así: “Que por esa Alcaldía, con carácter inmediato, se facilite o acceso á información nos termos establecidos na solicitude de 6 de marzo de 2024”.

 

 

Avia Veira presenta un recurso ante a Alcaldía para levantar o veto ao seu dereito a acceder a uns expedientes urbanísticos