FIXO FALTA QUE A CONCELLEIRA PRESENTASE UN RECURSO DE REPOSICIÓN APÓS TER SIDO VETADO O SEU ACCESO
A Alcaldía permite finalmente que Avia Veira acceda aos expedientes urbanísticos
O acceso aos expedientes urbanísticos debería ter sido libre e automático, non condicionado, xa o día 13 de marzo cando Avia Veira se presentou nas dependencias de Urbanismo, na praza Indalecio Prieto.
E tiña que ser así porque xa decorreran cinco días naturais -en realidade, 7- desde que Veira o solicitara por escrito. Ao non se ter producido ningunha resposta, a autorización enténdese concedida por silencio administrativo positivo. O Goberno Local só pode rexeitar ou condicionar o acceso dentro deses 5 días naturais. Ao ter expirado o prazo, nada debería ter impedido que Veira puidese ver a documentación requirida polo BNG.
Como non foi así, a concelleira presentou un recurso de reposición ao considerar danados os seus dereitos fundamentais. Iso foi o día 15 de marzo. Demorou outros 5 días a alcaldesa para finalmente enviar unha notificación autorizando o acceso.
Esta forma de proceder, pondo tantos atrancos e obrigando a presentarmos un recurso, non encaixa ben co relato de goberno transparente que se pretende vender desde o Executivo coruñés.