Nun café con usuarias do SAF, Queixas compromete "máis servizos públicos e menos bonos cheos de mentiras e propaganda"
“Compartimos as inquietudes destas persoas usuarias, beneficiarias dun servizo público en condicións manifestamente mellorábeis”, indica Queixas. Para a candidata nacionalista, nos últimos 15 anos de goberno do PP á fronte da Xunta a xestión dos servizos de benestar social tense caracterizado pola irresponsabilidade, a privatización e a propaganda.
Irresponsabilidade porque, argumentou, a Xunta renunciou a asumir as súas competencias en materia de benestar “e delegounas irresponsabelmente nos concellos, cando estes en moitos casos carecen dos recursos suficientes”.
Privatización porque o PP ve nos coidados das persoas maiores e discapacitadas un negocio, como demostra o feito de que ao longo destes anos “se ofreceran cero prazas públicas á sociedade galega nas residencias de maiores e nos centros de día”.
E a propaganda, como acabamos de ver coa presentación do Bono Coidado, “unha prestación que nin é nova nin é universal, ao deixar fóra as persoas dependentes de grao cero”. Trátase simplemente dunha “mínima actualización” (apenas 416 euros mensuais) que, alén de máis, “non é produto dunha iniciativa propia da Xunta, senón que vén obrigada pola reforma da Lei de Dependencia estatal”.
Fronte á irresponsabilidade, á privatización e á propaganda, o BNG contrapón unha alternativa que Queixas sintetiza así: “Máis servizos públicos e menos bonos, menos mentiras, menos manipulación”.
No encontro coas persoas usuarias do SAF, Queixas comprometeuse a que “o próximo Goberno Galego liderado por Ana Pontón artellará un Sistema Galego de Benestar que garantirá os coidados, colocará as persoas no centro e reforza o Sistema de Atención ao Fogar cunha achega de 86 millóns de euros”, o cal, remarcou, “vainos permitir mellorar quer as condicións laborais das traballadoras quer a calidade das prestacións que reciben as persoas beneficiarias do servizo”.
“Para o goberno do cambio galego que liderará Ana Pontón será unha prioridade a mellora do benestar, a conquista dunha lonxevidade chea de calidade de vida e un coidado das persoas dependentes que se caracterice por unha resposta áxil en todo o proceso de prevención, detección, valoración e atención”, concluíu.