CONTINÚA PENDENTE DE APLICACIÓN O INFORME DO INSTITUTO JOSÉ CORNIDE
Queixas leva ao Pleno os incumprimentos da Lei de Memoria Democrática por parte do Goberno Local
A concelleira do BNG Mercedes Queixas vai levar ao Pleno do vindeiro 9 de abril unha pregunta oral sobre a falta de cumprimento da Lei de Memoria Democrática na nosa cidade por parte do Goberno de Inés Rey.
“É moi sorprendente que, á luz dos reiterados incumprimentos desa lei, o Goberno Local, a través do concelleiro Gonzalo Castro, dixese días atrás que está a realizar un traballo constante para restablecer a memoria das persoas que sufriron a represión franquista na cidade”, afirma Queixas.
Os feitos desmenten esas palabras do concelleiro do Goberno de Inés Rey. “Teñamos que en conta que durante os tres anos que levamos de mandato, o Consello de Memoria Democrática do Concello só foi convocado en dúas ocasións, e noutras tres a súa realización foi adiada”, remarca.
Alén diso, o Goberno Local continúa sen dar curso ás propostas que lle ten formulado o Consello da Memoria Democrática, entre elas, a máis destacada a de levar a Pleno o informe elaborado polo Instituto José Cornide para aprobar dunha vez a retirada de honras e distincións a persoas que participaron activamente na ditadura, mesmo algunha delas coas mans manchadas de sangue. Persoas que infelizmente continúan a lle dar nome a rúas e espazos públicos da Coruña, subliña Queixas.
A falta de vontade política á hora de aplicar a Lei de Memoria Democrática vémola por exemplo no incumprimento da moción de xullo de 2025, da autoría do BNG, en virtude da cal o Pleno instaba o Goberno Local a que mudase o nome da rúa Sanjurjo de Carricarte para pasar a se chamar Diplomáticos de Monte Alto.
Do mesmo xeito, estase a incumprir desde o ano 2020 o acordo que contemplaba a instalación en Monte Alto da escultura dos irmáns da lixivia realizada por Ramón Conde e sufragada por Selva García, a sobriña dos tres irmáns fusilados polos fascistas en 1936. “Selva ten máis de 80 anos e aínda agarda pola materialización dese acordo. Non é así como se respecta a memoria”, refire Queixas.
“Con eses antecedentes, de verdade o Goberno Local pode gabarse de estar a cumprir de Memoria Democrática?”, pregúntase a nosa concelleira.