NO #PLENOSETEMBRO DESTE 7S

Queixas leva ao Pleno a falta de apoio do Goberno Local á Feira do Libro

O grupo municipal do BNG ao completo na inauguración da Feira do Libro 2023
O grupo municipal do BNG ao completo, durante a inauguración da Feira do Libro 2023
“Considera o Goberno Local que o apoio do Concello da Coruña estivo á altura dun evento cultural tan relevante para a cidade como é a Feira do Libro?”, así reza o texto da pregunta oral que a concelleira do BNG Mercedes Queixas vai dirixir ao Executivo coruñés durante o primeiro Pleno ordinario do novo curso político, a se realizar este xoves 7 de setembro.
Queixas leva ao Pleno a falta de apoio do Goberno Local á Feira do Libro

Para a edil nacionalista, a resposta á pregunta é ben clara. “Non, o Goberno Local non estivo á altura do que é a cidade. A Coruña é unha cidade literaria de primeira orde, cunha importantísima rede de bibliotecas municipais e de librarías, sede de editoriais referenciais e morada de autores e autoras tan relevantes para as nosas letras como Luísa Villalta -a quen se dedica o vindeiro Día das Letras- ou Dores Tembrás, a pregoeira da Feira do Libro-2023”, di Queixas.

E o Goberno Local non estivo á altura porque non foi quen de cumprir coa palabra dada e deixou sen asinar o convenio ao que se comprometera coa Federación de Librarías de Galiza. Dese xeito, deixou de prestar o respaldo que realmente merecía unha cita anual que este ano alcanzou a súa 52 edición e que, a pesar da falta de apoio decidido por parte do Executivo coruñés, rexistrou un grande éxito de público e de vendas. “A Feira foi un grande suceso. A única nota negativa púxoa o Goberno Local”, censura Queixas.

“Para o BNG, a cultura non é algo accesorio do que se poda prescindir. É un dereito cidadán. E por iso ímoslle preguntar ao Goberno Local que compromisos vai adquirir de aquí en diante coa Federación de Librarías de Galiza para, agora si, converterse en aliada dunha nova e exitosa Feira do Libro na Coruña en 2024”, conclúe.

 

 

 

Queixas leva ao Pleno a falta de apoio do Goberno Local á Feira do Libro