UNHA INICIATIVA PARA O #PLENOSETEMBRO DESTE XOVES 11S
Queixas formula un decálogo para dar resposta ás demandas e necesidades do seu barrio, Os Mallos
Queixas, veciña ela propia do barrio, ve nos Mallos “un barrio acolledor, de xente traballadora, moi dinámico comercialmente e cunha arquitectura racionalista que o dota dunha personalidade propia”.
Porén, o barrio arrastra problemas, derivados da “falta de atención continuada desde hai moitos anos” por parte da Administración local. Desatención que se ten traducido na degradación dos servizos básicos que se presta á veciñanza. Así, é doado identificar no barrio a falta de mantemento básico no firme das rúas e nas beirarrúas, a deficiente iluminación, a insuficiente limpeza das vías públicas, a escaseza de zonas verdes e espazos de xogo e lecer, a insuficiente oferta deportiva e cultural, a redución de prazas de aparcamento público...
Canto aos valores arquitectónicos do barrio, que son moitos, o certo é que se ven lastrados “pola degradación ben visíbel nas últimas décadas que se ten producido no parque de vivendas”.
Por se todo iso fose pouco, actividades ilícitas en algúns pisos do barrio ten provocado certa alarma veciñal, recollida polos medios e da que o BNG tamén ten tido constancia a partir do seu “diálogo constante” coa veciñanza.
É por todo isto que o BNG propón, entre outras medidas, que se reforcen os equipos de atención social no barrio, para facer seguimento de situacións de vulnerabilidade, risco de pobreza e exclusión social, que se impulsen programas de convivencia e cooperación social para afrontar discriminacións e criminalización de colectivos en situación de vulnerabilidade, ben como tamén que se implante no comercio do barrio a app Coruña Segura como vía de comunicación coa Policía Local en caso de incidentes.
Igualmente, o BNG insta o Goberno Local a que desenvolva, en colaboración coas administracións con competencias en seguridade, un plan de prevención e persecución da delincuencia, identificando os puntos conflitivos, as ocupacións ilegais con fins delituosos e reforzando a vixilancia e as medidas sancionadoras.
De resto, o BNG propón que se impulse a rehabilitación de edificios antigos e vivendas en mal estado, a dinamización do comercio do barrio co impulso do uso diversificado dos baixos, a recuperación da liña 10 de transporte público e a ampliación e mellora da oferta dos equipamentos socioculturais e deportivos do barrio.
“Desde o BNG, acreditamos nas potencialidades dos Mallos como un bo espazo para vivir en convivencia e crear comunidade. Mais é moita hora de que desde o Goberno Local se tome conciencia dos seus problemas e se desenvolvan actuacións para darlles solución”, conclúe Queixas.