UN FEIXE DE PREGUNTAS POR ESCRITO ASINADAS POR MERCEDES QUEIXAS

Sendo que A Coruña é a área urbana onde máis descende o uso da nosa lingua, o BNG insta o Goberno Local a desenvolver de vez a ordenanza do galego

Concentración Queremos Galego
Concentración Queremos Galego
Se os datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística en relación ao grao de uso da nosa lingua son preocupantes no conxunto de Galiza, sono aínda máis se o foco o pomos na área urbana da Coruña. É aquí onde se produce a maior caída no número de persoas galegofalantes, até alcanzar 25% en relación ao estudo anterior do IGE (2018).
Sendo que A Coruña é a área urbana onde máis descende o uso da nosa lingua, o BNG insta o Goberno Local a desenvolver de vez a ordenanza do galego

Neste contexto, o Concello da Coruña dispón dunha ferramenta, dentro do seu marco competencial, para frear esta tendencia descendente. Trátase da Ordenanza Reguladora do Galego, aprobada o 3 de xuño de 2021. Un paso adiante que veu pór fin a unha anomalía, a da nosa ser a única das cidades galegas que carecía dunha normativa específica para a protección e impulso do noso idioma.

O problema é que esa ordenanza está moi lonxe de ter cumprido todas as súas previsións, de aí que a concelleira do BNG Mercedes Queixas rexistrase estes días un feixe de preguntas por escrito.

Xa no pleno de xaneiro deste ano, a propia Queixas defendeu unha moción para instar o Goberno Local a que se crease o Consello Local da Lingua, no primeiro semestre de 2024, e a que se redactase o Plan de Normalización lingüística, dúas cuestións previstas na ordenanza. A moción, aprobada por unanimidade, está aínda por se cumprir.

O Consello Local da Lingua debería terse constituído no primeiro semestre deste 2024, de acordo coa moción aprobada por unanimidade en xaneiro

“É difícil entender como, máis de tres anos despois da aprobación da ordenanza, non se ten avanzado na elaboración dese plan nin na creación do Consello Local da Lingua, un órgano encargado de avaliar a aplicación da ordenanza e de velar polo seu cumprimento. E, como é difícil de entender, cuestionamos o Goberno Local por que non cumpriu os acordos do Pleno de xaneiro”, remarca Queixas.

A concelleira pregúntalle ao Goberno Local como avalía que a nosa sexa a área urbana en que se ten rexistrado un maior retroceso da poboación galegofalante e se ten feito algunha valoración obxectiva das accións desenvolvidas no marco do seu proxecto de normalización lingüística.

Queixas quere saber, en definitiva, en que prazo vai impulsar o Goberno Local o Plan de Normalización e cando vai crear o Consello Local da Lingua.

Os datos do IGE revelan, en todo caso, que “hai en marcha un proceso acelerado de substitución lingüística, cun aumento considerábel da poboación monolingüe en castelán. A Ordenanza do Galego é unha ferramenta valiosa para frear ese proceso e para ir avanzando no camiño da normalización, mais para iso fai falta vontade política para desenvolvela”, conclúe Queixas.

Sendo que A Coruña é a área urbana onde máis descende o uso da nosa lingua, o BNG insta o Goberno Local a desenvolver de vez a ordenanza do galego