AVIA VEIRA, NO ALMORZO INFORMATIVO COA ASOCIACIÓN DA PRENSA DA CORUÑA

"O que palpamos no día a día é que a xente ten esperanza non só de que entremos no Goberno Local, senón de que o lideremos"

Avia Veira Asociación da Prensa 3
Avia Veira, durante o almorzo
“O que palpamos no día a día en que a xente ten esperanza non só de que entremos no Goberno Local, senón de que o lideremos”, afirmou esta mañá Avia Veira, número 2 da candidatura do BNG, no almorzo informativo que partillou coa Asociación da Prensa da Coruña.
"O que palpamos no día a día é que a xente ten esperanza non só de que entremos no Goberno Local, senón de que o lideremos"

“Desde logo un tándem formado por Ana Pontón como presidenta da Xunta e Francisco Jorquera como alcalde da Coruña sería non só moi beneficioso para o conxunto do país, senón tamén para a nosa cidade”, engadiu.

O BNG preséntase a estas elección co “aval do bo facer dos concellos do BNG”, desde Carballo a Pontevedra pasando por Allariz ou Tomiño. “Sempre que goberna o BNG, a xente vólvelle dar a súa confianza elección tras elección. O BNG marca a diferenza alí onde goberna. Somos referentes, mesmo internacional, e velaí está o caso de Pontevedra”.

Avia Veira Asociación da Prensa 1
Avia Veira posa con Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa

Alén diso, o BNG, remarcou Veira, vai a estas eleccións con outro aval, “o do noso traballo na oposición durante este mandato, no que abordamos as necesidades e as demandas das coruñesas e dos coruñeses, un labor que fixemos man a man co tecido social da nosa cidade”.

Ese traballo previo levou o BNG a elaborar un programa electoral –“máis que un programa electoral, un programa de goberno”- cargado de propostas “feitas con todo o coñecemento e con todo o amor pola nosa cidade”, subliñou Veira.

Durante o almorzo, Veira tivo a oportunidade de debullar os aspectos centrais do proxecto de cidade que defende o BNG. Unha cidade metropolitana –“A Coruña non remata na Ponte Pasaxe-, unha Coruña para vivir e traballar –que garanta o acceso a unha vivenda digna, que se reindustrialice, que revitalice o pequeno comercio-, cun urbanismo máis amábel –máis zonas verdes, menos cemento-, unha Coruña faro cultural da Galiza –“cun Goberno Local aliado do talento coruñés, das creadoras e das industriais culturais”- unha cidade accesíbel para todas as persoas, con independencia da súa idade ou condición física, “niso consiste a democratización dos espazos públicos”.

Sobre a licitación da reforma da Vedra

Interpelada sobre o anuncio en plena campaña da licitación da reforma da Avenida da Vedra, Veira optou pola ironía: “As coruñesas e os coruñeses saben que hai eleccións cando escoitan anuncios sobre a reforma da Avenida da Vedra. Non falla. A verdade é que estamos fartas de propaganda”.

Avia Veira Asociación da Prensa 2

Veira considera “propios do século XX e non do XXI” os proxectos de reforma da Ponte Pasaxe e da Avenida da Vedra. “Só contemplan as necesidades do vehículo privado. Non teñen en conta que estamos no medio dunha emerxencia climática. Non inclúen un carril bus para entrar e saír da cidade. Nin facilitan a mobilidade ciclábel”, concluíu.

Unha mobilidade propia do século XXI sería a que contemplase transporte público, marítimo e ferrocarril de proximidade. “Ou sexa, ver a cidade na súa perspectiva metropolitana. A que defende o BNG e se obstinan en non ver desde o actual Goberno Local e tamén desde o Estado”, engadiu.

 

 

 

 

 

"O que palpamos no día a día é que a xente ten esperanza non só de que entremos no Goberno Local, senón de que o lideremos"