PONTÓN, JORQUERA E QUEIXAS TOMAN CAFÉ CUN COLECTIVO DE PERSOAS COMPROMETIDAS COA NOSA LINGUA
Encontro polo galego, medio de creación artística e tamén de riqueza
Na Galiza en xeral e na Coruña en particular hai xente –moita dela nova, moita dela neofalante- que ten o galego como medio de expresión e de creación artística e tamén de riqueza.
Apoiar toda ese tecido de creadoras, creadores e empresas –culturais e non só culturais- é o compromiso que asume o BNG, avanza o candidato do Bloque á Alcaldía da Xunta, Francisco Jorquera, quen participou, canda a nosa portavoz nacional Ana Pontón e a número 3 da nosa candidatura, Mercedes Queixas, nun encontro no Universal cun colectivo de persoas que traballan a favor do galego.
“Na Coruña temos un riquísimo tecido de creadoras e creadores que fan do galego o seu medio de expresión. Ese tecido haino que apoiar decididamente desde o Concello, en diálogo permanente con toda a xente que crea riqueza a partir da nosa lingua”, afirmou.
Jorquera lembrou que neste mandato o Concello se dotou por fin dunha Ordenanza do Galego e salientou que o fixo por iniciativa do BNG. “Mais iso non abonda. É imprescindíbel aplicar a ordenanza e impulsar políticas desde o Concello que normalicen o uso da nosa lingua en todos os ámbitos. Ese é o compromiso que asume o BNG”, engadiu.
O candidato nacionalista ve o galego como unha “ventá de oportunidade” e unha “vantaxe comparativa” para a nosa cultura, mais tamén para as empresas coruñesas, “máxime se temos en conta que a lingua galega é a matriz dun sistema idiomático que ten perto de 300 millóns de falantes no mundo”.
Por súa parte, Ana Pontón destacou que “fronte a un PP convertido nun Terminator do galego, os concellos do BNG serán axentes a favor da lingua galega”.
Nas vésperas do Día das Letras Galegas, dixo que estamos ante unha data de celebración, mais tamén de reivindicación “porque o galego non ten límites como o demostra unha mocidade que o usa sen complexos, tanto na súa vida persoal como profesional”, concluíu.
No encontro participaron Laura Marín, gañadora do certame musical Quero Cantar, o adestrador persoal Telmo Cillero, os fundadores do podcast Carretando Adrián Vázquez e Román Varela, a escritora Sica Romero, a integrante da Cooperativa Rexenerando Andrea Rico, a concelleira de Normalización Linguística de Ames Escarlata Pampín e o sociólogo e número 5 da nosa candidatura, Nacho Siota.