UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
Por que o Goberno Local non estivo presente na reunión Novo Mesoiro-Compañía de Tranvías?
Na reunión, o colectivo veciñal trasladoulle á Compañía de Tranvías as “carencias do barrio en materia de transporte público”, que basicamente consisten nunha insuficiente oferta de servizos e de horario, con frecuencias de paso dos buses superiores aos 20 minutos.
En teoría o Goberno Local comprometérase coa entidade veciñal a estar presente nesta reunión, polo que a concelleira do BNG inquire sobre as razóns que levaron o Executivo coruñés a finalmente non ter comparecido.
A potenciación do transporte público urbano –e nomeadamente a conexión de barrios periféricos como o de Novo Mesoiro- continúa a ser unha materia pendente deste Goberno Local.
Veira salienta que, entre os numerosos incumprimentos acumulados polo gabinete que preside Inés Rey, figura precisamente o impulso do transporte urbano.
“No Acordo de Investidura subscrito polo BNG e o PSOE en xuño de 2019, figuraba o compromiso de mellorar substancialmente o servizo, coa intensificación de frecuencia das liñas, a ampliación do horario de servizo, a mudanza do mapa de liñas, a implantación do carril bus e o estudo dos modelos de xestión, incluída a xestión directa. Nada disto foi feito”, denuncia a concelleira nacionalista.