NO CONCELLO E NO PARLAMENTO GALEGO

Diversas iniciativas contra a deslocalización que ameaza un centenar de empregos en Teleperformance

Jorquera telemarketing

Francisco Jorquera: "Chove sobre mollado; após o desmantelamento do centro operativo da Rede Norte de Naturgy o ano pasado, agora toca liquidar o servizo de atención á clientela de UFD, que se vén prestando ininterrompidamente en Teleperformance da Coruña desde hai 25 anos"

Diversas iniciativas contra a deslocalización que ameaza un centenar de empregos en Teleperformance

O BNG trasladará ao Pleno do Concello da Coruña previsto para setembro unha moción en defensa do mantemento do emprego no centro de chamadas que a multinacional Teleperformance ten na Agrela unha vez coñecido que Naturgy, unha das compañías para as que presta servizos este call center, ten previsto deslocalizar para un dos seus centros en Colombia o servizo de atención a clientela de UFD (Unión Fenosa Distribución), que se vén prestando ininterrompidamente aquí desde hai 25 anos.

O pasado martes 26 de xullo, unha representación da sección sindical da CIG en Teleperformance mantivo un encontro co portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, para solicitar o apoio deste grupo municipal e do resto da Corporación e transmitir a grave preocupación que se está a vivir no centro de chamadas situado na Agrela. Segundo explicaron a Jorquera os representantes sindicais, a deslocalización afectaría aproximadamente un centenar de traballadoras e traballadores e a día de hoxe non está nin moito menos garantido que ese persoal vaia ser recolocado noutras campañas, o que implicaría unha seria destrución de postos de traballo.

Contra esta previsíbel destrución de emprego comezou xa a mobilizarse  o persoal da empresa, cunha concentración convocada pola CIG na que participou o propio Francisco Jorquera. Para o portavoz municipal nacionalista no Concello da Coruña, con esta nova deslocalización "chove sobre mollado". "O ano pasado liquidaron o Centro de operacións da Rede Norte de Naturgy, levando o servizo e os empregos para Madrid", lembrou Jorquera, "e agora queren levar para Colombia o servizo de atención á clientela". O portavoz do BNG denunciou que outra vez estamos diante dunha práctica empresarial impresentábel, a dunha multinacional que fornece de enerxía eléctrica boa parte dos fogares e negocios galegos e só conta co noso país para obter cuantiosos beneficios explotando os nosos recursos naturais, mais sen deixar aquí ningún retorno económico.

 

reunion_jorquera_cig_teleperformance
Jorquera, coa representación da sección sindical a CIG 

Ademais de buscar a implicación do Concello da Coruña na defensa dos postos de traballo en Teleperformance, o BNG trasladará distintas iniciativas ao Parlamento de Galiza para implicar o goberno da Xunta e instar o executivo de Alfonso Rueda exerza todas as súas competencias en materia económica e industrial para frear esta nova deslocalización.

 

Diversas iniciativas contra a deslocalización que ameaza un centenar de empregos en Teleperformance