UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA

Por que o Goberno Local incumpre as mocións sobre os barrios aprobadas neste mandato?

Birloque
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, levará ao Pleno do vindeiro xoves 2 de maio o incumprimento por parte do Goberno Local das diversas mocións do BNG sobre as necesidades dos barrios que foron aprobadas durante o mandato.
Por que o Goberno Local incumpre as mocións sobre os barrios aprobadas neste mandato?

“Que valoración fai o Goberno Local do grao de cumprimento das distintas mocións aprobadas neste mandato relativas á atención ás necesidades dos barrios”, así reza a pregunta oral que o candidato do Bloque á Alcaldía da Coruña formulará no Pleno.

“Ao longo do mandato”, recalca Jorquera, “no Pleno do Concello adoptáronse moitos acordos por unanimidade ou por amplísima maioría”. O problema, sinala, é que a maioría dos acordos non se materializaron. Tampouco aqueles que teñen a ver coas demandas dos barrios da Coruña.

“No noso contaco coa veciñanza e nas nosas visitas aos barrios constatamos que hai preocupacións que son compartidas en toda a cidade”, refire Jorquera. “Déficits de mantemento de prazas, rúas, parques e xardíns. Déficits de limpeza. Necesidades en materia de mobilidade, accesibilidade e rehabilitación que continúan sen seren resoltas”, detalla o portavoz do BNG, quen sinala tamén o “esmorecemento do comercio de barrio”.

Todo iso debuxa a xuízo de Jorquera “un certo sentimento de esquecemento, de desatención no día a día” por parte dos barrios da cidade.

Por poñer un exemplo de incumprimento das mocións, Jorquera fai especial referencia á relativa á situación dos barrios de Os Mallos e a Sagrada Familia, aprobada en outubro de 2021.

“Foi unha moción para lle dar resposta á situación e clima social que se vivía nestes barrios. Naceu dunha iniciativa do BNG, mais foi asinada por todos os grupos con achegas de todos eles. Incluía unha batería de iniciativas en materia urbanística, de vivenda, mobilidade, seguridade, políticas sociais, dinamización socio-cultural, revitalización comercial... Medidas que poderían ser tamén de aplicación á maioría dos barrios da cidade”, lembra Jorquera.

Problema: “A maioría desas medidas non se executaron”. “É o resumo do mandato”, conclúe.

Por que o Goberno Local incumpre as mocións sobre os barrios aprobadas neste mandato?