ENCONTRO CON ACTIVISTAS E COLECTIVOS DO TERCEIRO SECTOR
Impulsaremos desde o Goberno Local un Plan de Inclusión Social para reducir as desigualdades
"Precisamos ter unha diagnose de como se vive na sociedade coruñesa o fenómeno da exclusión social e precisamos revisar as ferramentas de que dispón o Concello para dar respostas aos problemas que afectan hoxe miles de coruñesas e coruñeses", precisou Avia Veira no curso dun acto que foi presentado por Jorge González, número 25 da candidatura do BNG, e que contou cunha breve intervención de Francisco Jorquera, candidato á Alcaldía.
A redacción dese Plan de Inclusión Social foi unha reclamación constante do BNG durante este mandato, até o punto de figurar no Acordo de Investidura asinado en xuño de 2019 co grupo socialista. O Goberno Local foi incapaz de cumprir ese compromiso, lamenta Veira.
"As desigualdades sociais non fixeron máis que aumentar durante estes 4 anos. Agrandouse a fenda entre os barrios ricos e os barrios pobres", remarcou na súa intervención Francisco Jorquera, número 1 da candidatura do BNG.
Veira puxo o acento na necesaria coordenación entre as distintas áreas do Concello, desde os departamentos de Emprego e Contratación até os directamente vinculados cos Servizos Sociais.
"É imprescindíbel termos un goberno local que dea prioridade ás políticas de benestar e inclusión, fortaleza os servizos públicos e as políticas sociais, acabe coa diferenza entre barrios ricos e pobres e apoie decididamente as entidades do terceiro sector", subliña Veira.
Canto ás medidas concretas, o BNG propón o reforzo dos equipos de atención social e a revisión das ordenanzas que regulan a Renda Social Municipal e a Emerxencia Social "para ver como están a funcionar e como se poden introducir melloras".