PREGUNTA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O PLENO DO 13X
Por que o Goberno Local continúa sen impulsar a creación do Consello Económico e social?
“Que fixo o Goberno Local para dar cumprimento ao acordo de impulsar a creación do Consello Económico e Social?”, reza a cuestión que o BNG dirixirá ao executivo coruñés.
Alén de a proposta ser avalada polo Pleno na sesión de decembro de 2020, a Comisión de Seguimento do Acordo de Investidura asinado por BNG e PSdeG acordou hai xustamente un ano, o 12 de xaneiro de 2021, impulsar a creación do Consello Económico e Social e facelo no primeiro semestre dese 2021.
Mais apenas nada foi feito, todo o máis que fixo o Goberno Local foi encargarlle un estudo ao respecto á Escola Universitaria de Relacións Laborais. Un paso positivo –“a Escola Universitaria de Relacións Laborais está chamada a xogar un papel relevante nese órgano”, considera Jorquera-, mais insuficiente.
Todo o máis que fixo o Goberno Local foi encargarlle un estudo ao respecto á Escola Universitaria de Relacións Laborais. Un paso positivo, mais insuficiente
Para o portavoz do BNG no Concello, o Consello Económico e Social ten de se constituír nun marco de diálogo e consulta permanente cos axentes sociais para, entre outras cousas, impulsar o deseño dunha estratexia económica de futuro para a cidade e a súa comarca.
Repensar o rol que A Coruña ten que xogar no cadro da economía galega, peninsular e europea revélase como unha tarefa urxente, moito máis tendo en conta o abalo que ten producido sobre a economía e o emprego a crise decorrente da pandemia.
É obvio que tal obxectivo soborda as competencias da institución municipal, mais non é menos verdade que lle cabe ao Concello “xogar un papel indutor e asumir o liderado para impulsar ese proceso”, xulga Jorquera, para quen nese cadro o Consello Económico Social se tornaría nunha ferramenta moi adecuada.