UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA

Unha moción para o Pleno se solidarizar co persoal de Urxencias do CHUAC

Cos de urxencias
Queixas e Jorquera acompañan a mobilización
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai defender no Pleno do vindeiro xoves 13X unha moción para a Corporación coruñesa se solidarizar co persoal de urxencias do CHUAC, o máis afectado pola repunta de casos Covid-19 e que este mesmo venres se mobilizou en demanda de máis medios humanos e da mellora das súas condicións laborais.
Unha moción para o Pleno se solidarizar co persoal de Urxencias do CHUAC

A iniciativa do BNG insta tamén o Goberno Local a que se dirixa á Xunta para lle reclamar o reforzo dunha Atención Primaria claramente desbordada a consecuencia da política de recortes aplicada durante os últimos anos desde o goberno galego.

En concreto, o grupo municipal nacionalista pide que nos centros de saúde se implante de forma inmediata un protocolo anticovid-19 que estableza circuítos seguros de mobilidade no seu interior e salas de espera adaptadas ás actuais normas sanitarias.

Igualmente, o Bloque propón que se restitúan de forma urxente as consultas presenciais para todas aquelas persoas que o demanden, reservando as telefónicas ou telemáticas a unha actividade complementaria (receitas, baixas, resultados de probas), de modo a non discriminar as persoas maiores con dificultades á hora de se manexar coas novas tecnoloxías.

A contratación de persoal en condicións estábeis é outra das medidas que propón o BNG, coa posta en andamento dun Plan de Mellora da Atención Primaria no horizonte. Canto ao orzamento, a atención primaria debería acadar o 25% de todo o gasto sanitario, defenderá Jorquera no Pleno do vindeiro xoves.

O voceiro nacionalista ten claro que a pandemia non fixo senón demostrar a importancia de termos un “sistema de saúde público, universal e gratuíto”.

Mais ese sistema ten que estar correctamente financiado e os seus profesionais deben ter condicións laborais dignas, lonxe da precariedade en que se atopan nestes momentos. Non por acaso nas últimas semanas “o persoal de urxencias do Hospital Universitario da Coruña”, relata Jorquera, “estase a manifestar reclamando que se reforce o cadro de persoal para facer fronte á saturación do servizo”, decorrente da nova onda de contaxios.

“O persoal de urxencias do CHUA”, esténdese o portavoz nacionalista, “advirte que o alto grao de presión asistencial ao que se ven sometidos imposibilita a calidade e seguridade na atención ao paciente, froito dunha situación de saturación que provoca, entre outras cousas, a acumulación de doentes nos corredores”.

É por iso que o BNG demanda do Pleno que se solidarice con estes profesionais sanitarios e urxe o Goberno Local a que eleve demandas ao goberno competente en materia sanitaria, o da Xunta de Galiza.

 

Unha moción para o Pleno se solidarizar co persoal de Urxencias do CHUAC