Avia Veira: "Cando sexa alcaldesa, impulsarei a primavera cultural na Coruña"

Avia Veira primavera cultural
Avia Veira, a atender os medios
Esta semana, en concreto o xoves, vaise celebrar o Día do Libro e con tal motivo a candidata do BNG á Alcaldía en 2027, Avia Veira, convocou os medios para falar das propostas do Bloque en materia cultural. Nese encontro coas xornalistas, anunciou que desde a Alcaldía impulsará a que denominou como “primavera cultural na Coruña” e un Plan Estratéxico para as Bibliotecas Municipais.
Avia Veira: "Cando sexa alcaldesa, impulsarei a primavera cultural na Coruña"

Esta semana, en concreto o xoves, vaise celebrar o Día do Libro e con tal motivo a candidata do BNG á Alcaldía en 2027, Avia Veira, convocou os medios para falar das propostas do Bloque en materia cultural. Nese encontro coas xornalistas, anunciou que desde a Alcaldía impulsará a que denominou como “primavera cultural na Coruña” e un Plan Estratéxico para as Bibliotecas Municipais.

A convocatoria non foi nun lugar calquera: produciuse ao pé do Edificio Atalaia, nos Xardíns de Méndez Núñez.

“Convocámosvos nun lugar ben fermoso, diante dun edificio que no seu momento, nos anos 30 do pasado século, foi nin máis nin menos que unha biblioteca infantil. Infelizmente, vemos que agora esta grande obra do arquitecto Antonio Tenreiro estase a deteriorar”, afirmou Veira.

A Coruña, para o BNG, resaltou a concelleira nacionalista, “é unha cidade de libro”, dotada dunha grande rede de bibliotecas, múltiples clubs de lectura, moreas de librarías e a feira do libro máis importante da Galiza.

Unha cidade de autoras e autores de enorme prestixio, que é morada de premios nacionais de literatura, vultos da nosa cultura como Manuel Lourenzo, Pilar Pallarés, Iolanda Castaño, Bea Lema, Manuel Rivas ou Miguen Anxo Prado.

A mágoa é que ese enorme potencial non se ve acompañado pola política cultural do Goberno Local. “O concelleiro [Gonzalo Castro] non está dispoñíbel e todo o que se fai -política de supostos grandes eventos, por suposto de pago- faise de costas viradas ás e aos creadores locais”, critica Veira.

 A política cultural do Goberno de Inés Rey falla porque non presta atención ás bilbiotecas municipais – nin ao seu proxecto nin ao coidado dos seus edificios, desde o Castrillón aos Rosales pasando polo Fórum- e a proba máis evidente diso é que a concesión do servizo de atención a estes equipamentos está caducada.

A candidata do BNG a liderar o Goberno Local afirma que o Executivo de Inés Rey “non mira a para a cultura da cidade”

En realidade, o Goberno Local non mira para a cultura. Só así se explica que non celebre o Día do Libro e que nestes meses na cidade non se notasen datas tan sinaladas como o 17 de marzo (Día do Cómic), 20 de marzo (Día da Narración Oral), 21 de marzo (Día da Poesía), 27 de marzo (Día Mundial do Teatro), 1 de abril (Día das Artes Galegas), 2 de abril (Día do Libro Infantil e Xuvenil) ou o 15 de abril (Día Internacional das Artes).

“Cando eu sexa a alcaldesa, vou impulsar a primavera cultural na Coruña, cunha programación para celebrar todas estas datas e para o facer desde todas as instalacións culturais da cidade. A Coruña é unha cidade creativa, é unha cidade literaria, mais o seu tecido creativo precisa de ter un aliado no Goberno Local”, avanzou.

O BNG formará un goberno “ao dispor das persoas que crean, que programan e que queren gozar da cultura”.

Un goberno que aprobará un Plan Estratéxico para as Bibliotecas Municipais, con recursos abondo para as ter en bo estado, para a compra de libros e para realizar campañas de fomento da lectura, concluíu Veira.

Carga e descarga a carón do Colón

Na quenda de preguntas, os medios interesáronse pola opinión da concelleira a respecto da virtual eliminación da zona de carga e descarga do Teatro Colón.

“Este asunto exemplifica a falta de diálogo do Goberno Local co sector cultural.  Foron advertidos deste problema, tamén nós, desde o inicio das obras, alertamos ao respecto sobre o dano que se ía producir ao Colón e ao Rosalía. No caso do Rosalía estamos a falar de que a falta dunha zona de carga e descarga apropiada pode traer consigo a exclusión deste teatro de determinadas redes e circuítos”, denunciou Veira.

“Se o Goberno Local non foi quen de garantir unha zona decente de carga e descarga do Colón durante o transcurso das obras, teno que garantir agora. Se non nos fixo caso no seu momento, téñennos que facer caso agora”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Avia Veira: "Cando sexa alcaldesa, impulsarei a primavera cultural na Coruña"