UNHA BATERÍA DE PREGUNTAS DE MERCEDES QUEIXAS
Por que en 2023 non se realizou a Mostra Internacional Area de Teatro na praia de Santo Amaro?
Nos últimos anos, a cidade -en concreto un espazo natural como a praia de Santo Amaro- viña acollendo, durante varios días do mes de xullo, a MIAT (Mostra Internacional Area de Teatro), promovida pola Compañía de Teatro Noite Bohemia da Coruña. Unha iniciativa singular que alcanzou grande repercusión nacional e internacional, até mesmo chamar a atención ao xornal británico The Guardian.
Pois ben, en 2023 a MIAT non puido acudir á súa cita e esta circunstancia levou a concelleira do BNG Mercedes Queixas a rexistrar unha batería de preguntas ao Goberno Local, entre elas se recibiu a proposta de realización desta mostra como acontecera en anos anteriores e, en caso afirmativo, que resposta lle deu á entidade organizadora.
“Que razóns explican que esta mostra de teatro non se celebrase?”, inquire Queixas, ao tempo que quer saber que avaliación lle merece ao Goberno Local “esta actividade de impulso ás artes escénicas da cidade” promovida desde “a cultura de base”.
Entende a concelleira que o Goberno Local debería dirixirse á Compañía de Teatro Noite Bohemia da Coruña “para valorar a continuidade desta proposta de artes escénicas en 2024”.
Queixas avalía moi positivamente a MIAT e pondera a súa programación, “aberta a todos os públicos e onde o teatro amador ten unha presenza destacada ao pé do profesional”.