ENTRARÁN EN VIGOR O 1 DE XANEIRO, ALGO QUE NON ACONTECÍA DESDE 2015

O Pleno aproba definitivamente os orzamentos do Concello para 2024, cunha addenda final con melloras significativas para a cultura

Grupo municipal BNG Pleno aprobación definitiva dos orzamentos do Concello para 2024.
Grupo municipal do BNG minutos antes do comezo do Pleno extraordinario
Este xoves 28D, o Pleno deu luz verde á aprobación definitiva dos orzamentos do Concello para 2024, negociados polo BNG co Goberno Local. Deste xeito, dáse cumprimento a un aspecto central do Acordo de Investidura, pois as novas contas entrarán en vigor en apenas uns días, o 1 de xaneiro, unha circunstancia que non acontecía desde 2015.
O Pleno aproba definitivamente os orzamentos do Concello para 2024, cunha addenda final con melloras significativas para a cultura

Os orzamentos recibiron o voto favorábel dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e BNG e, como cabía agardar, o voto contrario do PP.

Na súa versión definitiva, e despois do prazo para ditaminar as alegacións formuladas após a súa aprobación inicial, o proxecto de orzamento do Concello para 2024 inclúe unha addenda ao acordo orzamentario que contempla melloras de última hora, nomeadamente para a cultura.

A máis relevante, resaltou o noso portavoz Francisco Jorquera na súa intervención, “é o incremento da dotación ao Consorcio para a Promoción da Música en 250.000 euros con respecto ás previsións iniciais”. O propósito desta mudanza é o de prestar atención “á programación educativa vencellada á Orquestra Sinfónica de Galiza e ás necesidades da Escola Municipal de Música”.

Con todo, Jorquera non perdeu a oportunidade de lembrar que “a atención ás necesidades da Orquestra Sinfónica tamén incumbe á Xunta de Galiza”, de aí que o portavoz nacionalista instou a Xunta “a saldar a débeda contraída co Consorcio”.

Jorquera no Pleno de aprobación definitiva dos orzamentos do Concello para 2024.
Jorquera, durante a súa intervención

Canto ás alegacións formuladas aos orzamentos, no trámite entre a súa aprobación inicial e esta definitiva que se consuma hoxe, Jorquera xulga algunha delas como “razoábeis”, o que levou a adquirir o compromiso de “tomar nota par os orzamentos futuros ou unha hipotética modificación dos orzamentos 2024”.

Na avaliación xeral destes orzamentos 2024 -após enfatizar que A Coruña necesitaba imperiosamente novas contas e que fora un erro prorrogar as de 2022- Jorquera cualificounos de “bos” para a cidade. Son expansivos -375 millóns de euros, os máis elevados da historia-, sociais -cunha aposta significativa en materia de vivenda-, e comprometidos cun novo paradigma de mobilidade, a conquista dunha cidade accesíbel para todas as persoas con independencia das súas condicións físicas, unhas contas que apostan tamén polo medio ambiente -coa redacción dos pregos para un novo Nostián no horizonte-, a cultura, o deporte e a nosa lingua.

“Estamos convencidos de que con estes orzamentos que gaña é A Coruña”, recapitulou.

Aspectos extraorzamentarios

Puxo tamén en destaque Jorquera os aspectos do acordo negociado polo BNG co Goberno Local que van alén dos orzamentos e, nese sentido, resaltou compromisos como o inicio dunha nova negociación sobre o antigo cárcere, o impulso á creación da Área Metropolitana ou a procura da articulación por parte do Concello dunha solución para a xestión dos terreos portuarios.

Igualmente foi obxecto de negociación extraorzamentaria a adopción de medidas para o correcto funcionamento das concesionarias dos servizos municipais, con especial énfase no que está a acontecer coas contratas de limpeza e recollida de lixo.

Críticas sobre a xestión do lixo

E nese aspecto Jorquera mostrouse crítico:

“Nese sentido noticias como as que coñecemos este Nadal con titulares como este:

El líder del STL gana el pulso y recupera el poder a cambio de una Navidad sin basura”

Non avanzan na boa dirección”.

Aprobación da Conta Xeral de 2022

Este derradeiro Pleno de 2023 detívose tamén na aprobación da Conta Xeral correspondente ao exercicio 2022. Na súa intervención, Jorquera avanzou que o BNG non a ía obstaculizar.

Porén, o portavoz nacionalista deslizou críticas á xestión do Goberno Local, censuras que tamén aparecen no Informe da Tesourería Xeral e que teñen a ver con que “o Concello continúa a carecer dun Inventario de Bens”, circunstancia que provoca que “o Balance de Situación non reflicte a imaxe fiel da entidade no seu aspecto patrimonial”.

Captura de pantalla 2023-12-28 115336
Momento en que os grupos do BNG e o PSOE votan a prol dos novos orzamentos

Alén diso, o informe dá conta dun dato preocupante, o de que, por vez primeira desde 2017, se produce “unha situación de desequilibrio patrimonial e financeiro, sendo que os recursos permanentes non financian a totalidade da actividade ordinaria, polo que o fondo de manobra real é negativo en máis de 12 millóns de euros”. Un feito que marcaría “unha evolución negativa desde 2020”.

Preocupante é tamén que o remanente de tesouraría para gastos xerais sexa o menor dos últimos anos, do mesmo xeito que o aforro neto e, coa única excepción de 2019, os indicadores de liquidez inmediata e de solvencia.

O BNG, esclareceu Jorquera, sempre foi partidario de políticas anticíclicas para facer fronte ás situacións de crise e, nese aspecto, os orzamentos 2024 van nesa dirección. “Mais, en calquera caso, no futuro hai que atender á evolución destas variábeis para non comprometer a sustentabilidade da Facenda municipal”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

O Pleno aproba definitivamente os orzamentos do Concello para 2024, cunha addenda final con melloras significativas para a cultura