PXOM: Dun total de 1.057.241 m2 de zonas verdes, un 29% sitúanse en terreos afectados pola refinaría
A Coruña, 28 de decembro de 2012.- Outra das cuestións do Plan Xeral dos grandes promotores do PP, aprobado no último Pleno, que non lle colou á Xunta de Galiza é o relativo ao cómputo dos estándares en materia de zonas verdes. E é que a Xunta de Galiza sinala que existen diversos espazos no PXOM que non poden ser computados como sistema xeral de espazos libres por non reuniren os requirimentos precisos do artigo 47.1 e 3 da LOUG(*). É o caso concreto das zonas verdes previstas no PXOM localizadas en terreos afectados pola refinaría. Dun total de 1.057.241 m2 de zonas verdes contempladas no plan xeral, un 29% sitúanse, precisamente, en terreos que se atopan baixo o radio de acción da refinaría. E así se desprende do Informe Municipal Complementario ao Emitido con data de 30 de xullo de 2012, asinado o 12 de novembro de 2012 (en realidade, informe da Xunta de Galiza sobre o PXOM).
É o caso dos ámbitos EL-05 e EL-06 (410.932 m2 e 128.785 m2 respectivamente) do PE-I20, que se localizan dentro das zonas de intervención e de alerta do polígono industrial Agrela-Bens (isto é, a zona da refinaría de petróleo e depósitos de hidrocarburos), que figuran no PXOM para tales usos. Por esta razón, a propia Xunta de Galiza sinala que "non serán computados aos efectos do cómputo dos estándares".
É o caso tamén dos ámbitos EL-07 e EL-08 (33.064 m2 e 297.972 m2) que, ao igual que o caso anterior, están situados dentro das zonas de intervención e alerta do polígono industrial Agrela-Bens (isto é, a zona da refinaría de petróleo e depósitos de hidrocarburos), razón pola que, de novo, a Xunta de Galiza di que, aínda sendo zonas calificadas polo PXOM para este uso, "non serán computados para este uso".
E, por último, é tamén o caso do espazo libre EL-01 que se corresponde co sistema xeral adscrito SGA SUD 1b (O Portiño) a respecto do cal a Xunta de Galiza sinala que deberá incluír nas súas determinacións as cautelas sinaladas no ditame técnico, pois "se vería atinxido pola zona de alerta dos accidentes tipo BLEVE" (boiling liquid expanding vapour explosion ou explosión de vapores que se expanden ao ferver o líquido).
Hai que lembrar que a Xunta de Galiza non permite a ampliación da zona residencial no propio contorno de ámbito de protección da refinaría
A todo isto hai que engadir que a propia Xunta de Galiza non permite a ampliación da zona residencial no contorno de ámbito de protección da refinaría, corrixindo desta maneira a decisión do Goberno municipal de actuar en contra dun ditame técnico que puña de manifesto os perigos da refinaría Repsol, onde hai fixadas unhas servidumes que limitan a construción en base ao Plan de Emerxencia Exterior da Agrela-Bens, elaborado pola propia Xunta de Galiza no 2011. Goberno municipal que tampouco esperou pola elaboración dunha completa Análise Cuantitativa de Riscos (ACR), razón pola que unha grande parte da superficie de solo urbanizábel do PXOM está condicionada a unha Análise Cuantitativa de Riscos. Deste xeito, case as ¾ (o 71,61 %) de toda a edificabilidade do solo urbanizábel do PXOM está condicionada ao que determine unha análise cuantitativa de riscos.
(*) Artículo 47. (Calidade de vida y cohesión social. Redacción según Ley 2/2010, de 25 de marzo.
1. El plan general deberá contemplar las reservas de suelo necesarias para la implantación de los sistemas generales o del conjunto de dotaciones urbanísticas al servicio predominante del conjunto de la población, de su asentamiento, movilidad y empleo, en proporción adecuada a las necesidades de la población, y teniendo en cuenta la capacidad máxima residencial derivada del plan y, como mínimo, los siguientes:
a) Sistema general de espacios libres y zonas verdes de dominio y uso públicos, en proporción no inferior a 15 metros cuadrados por cada 100 metros cuadrados edificables de uso residencial.
b) Sistema general de equipamiento comunitario de titularidad pública, en proporción no inferior a 5 metros cuadrados por cada 100 metros cuadrados edificables de uso residencial.
...
3. El plan efectuará las reservas de suelo para dotaciones urbanísticas en los lugares más adecuados para satisfacer las necesidades de la población, en orden a asegurar su accesibilidad, funcionalidad e integración en la estructura urbanística, de modo que no se ubiquen en zonas marginales o residuales.