O pequeno comercio, aposta estratéxica do BNG
O BNG expúxolle á Federación de Unión de Comercios Coruñeses as iniciativas desenvoltas polo Grupo Municipal para o pequeno e mediano comercio.
Xosé Manuel Carril aproveitou o encontro para lle explicar ao presidente da FUCC que no proxecto da Mariña contémplanse actuacións moi concretas que van ir en contra da hostalaría e do comercio da zona como os dous edificios previstos para usos hostaleiros e comerciais
Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo e Avia Veira mantiveron un encontro con Adolfo López, presidente da Federación de Unión de Comercios Coruñeses (FUCC) no que expuxeron as propostas do Bloque Nacionalista Galego dirixidas ao pequeno e mediano comercio na que este sector ten unhas serie de necesidades comúns mais tamén específicas en cada barrio da cidade.
O Portavoz Municipal explicoulle ao presidente da FUCC o programa electoral dirixido ao sector do comercio e da hostalaría co que concorreu o BNG nas eleccións municipais, ademais de presentarlle todas as iniciativas que se levaron a cabo de apoio ao pequeno e mediano comercio durante estes tres anos.
Alén disto, o Grupo Municipal aproveitou o encontro para lle explicar á FUCC como no proxecto de urbanización da Mariña contémplanse actuacións moi concretas que van ir en contra da hostalaría e do comercio da zona como son os dous edificios previstos en dito espazo que con toda probabilidade serán para usos hostaleiros e comerciais. Así o BNG entregoulle dous escritos dirixidos a Autoridade Portuaria e ao Concello e a moción que foi rexeitada polo Partido Popular no pasado pleno en que se pedía, entre outras cousas, a desaparición do proxecto destas dúas edificacións destinadas a servizos de hostalaría e os dous quioscos.
No proxecto da Mariña contémplanse actuacións que van ir en contra da hostalaría e do comercio da zona.
Do intercambio de información do encontro, o BNG salienta que moitas cousas que lle transmitiu a FUCC van na liña de traballo desenvolto polas nacionalistas que é a necesidade de potenciar o consumo responsábel, axudando a comprar no pequeno e mediano comercio con políticas orientadas ao consumidor.