O proxecto privado de Abanca, un torpedo na liña de flotación do sistema universitario público galego

Acto en defensa das universidades públicas e contra o proxecto privatizador de Abanca/Xunta. Francisco Jorquera.
O Centro Universitario de Riazor acolleu na tarde do mércores 19M un acto do BNG en defensa do sistema de universidades públicas da Galiza e, consecuentemente, contra o proxecto privado de Abanca apadriñado polo Goberno de Feixoo.
O proxecto privado de Abanca, un torpedo na liña de flotación do sistema universitario público galego

Non é un proxecto calquera, é, como subliñou Manu Lourenzo, responsábel de Educación do noso grupo parlamentar, un torpedo á liña de flotación do ensino superior público galego. Representa un ataque a un modelo que, pese a súas eivas, supuxo un contributo positivo para a cohesión social do país. "Eu fun a primeira persoa da miña familia en ir á universidade. E funo porque existía unha universidade pública e existía na miña cidade", exemplificou a nosa deputada Mercedes Queixas.

MQZ 1

É, alén de máis, un proxecto desgaleguizador, como puxo en destaque Nicolás Neira, estudante e militante de Galiza Nova, quen tamén criticou que o proxecto de Abanca segregará o alumnado en función do seu poder adquisitivo. E o que ocorre cando a educación non se considera un dereito social, senón unha mercadoría da que tirar lucros.

Infelizmente a lóxica privada xa está nas universidades públicas, como explicou por súa parte o noso responsábel local e profesor da UDC, David Soto. A Administración xa se preocupa de as universidades públicas só poderen ofertar un número limitado de mestrados. O propósito é claro: abrir mercado para o negocio privado, alertou.

MQZ 2

En definitiva, o acto serviu para pór de manifesto que o BNG se vai empregar a fondo en defensa das universidades públicas galegas e contra un proxecto privatizador e elitista que só persegue a segregación social, a mercantilización do ensino e a desgaleguización de continente e de contidos.

O proxecto privado de Abanca, un torpedo na liña de flotación do sistema universitario público galego