UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Propomos modificar o PXOM e o PEPRI para lle pór límites aos pisos turísticos

Cidade Vella
A concelleira do BNG Avia Veira vai defender no Pleno deste xoves 2 de marzo unha moción por medio do cal insta o Goberno Local a que, no que fica de mandato, impulse unha modificación puntual do PXOM de 2013 e do PEPRI da Cidade Vella e Pescaría co propósito de establecer límites á proliferación das vivendas de uso turístico.
Propomos modificar o PXOM e o PEPRI para lle pór límites aos pisos turísticos

“As vivendas de uso turístico están a adulterar o mercado do alugueiro na nosa cidade e están a influír na escalada dos prezos, o que dificulta enormemente o acceso á vivenda na Coruña”, considera Avia Veira.

As mudanzas que propón o BNG no PXOM e no PEPRI é que se limiten as vivendas turísticas aos baixos e ás primeiras plantas dos inmóbeis, ou a edificios enteiros, mais sempre cunha porcentaxe máxima por rúa.

Alén diso, Avia Veira emprazará o Goberno Local a que se poña a traballar na redacción dunha ordenanza que fixe as características ás que se deben axustar as vivendas de uso turístico e estableza un réxime sancionador para aquelas moradas que non cumpran os requisitos.

“Demandamos tamén unha actualización dos estudos sobre a vivenda na cidade para termos un coñecemento exacto de cantos moradas están en condicións de seren habitadas pola poboación”, avanza Veira, para quen é preciso igualmente que se verifique que o destino das vivendas perceptoras de axudas municipais se corresponde aos usos previstos e non á explotación turística.

Ante a distorsión que no mercado producen as vivendas de uso turístico, a actitude inicial do Goberno Local foi a de non facer nada. Logo, “e pola presión política que se exerceu desde a oposición, desde logo por parte do BNG”, o Executivo coruñés acabou por anunciar a constitución dunha mesa sectorial para o primeiro semestre deste ano, “un prazo que por tanto até vai máis alá do mandato actual”.

“A proposta é insuficiente. Urxe tomar medidas xa. E hai tempo para facelo. Fican por diante aínda dous plenos ordinarios, o de abril e o de maio, e mesmo se poden convocar sesións plenarias extraordinarias para a aprobación inicial das modificacións puntuais quer no PXOM quer no PEPRI”, argumenta a concelleira nacionalista.

“Pensamos que o Goberno Local xa debería traballar niso, mais o que vemos é unha pasividade absoluta nun asunto que inflúe na vida diaria das coruñesas e coruñeses e que adultera absolutamente o mercado do alugueiro. É moita hora xa de tomar partido e de regular”, conclúe.

 

 

 

 

Propomos modificar o PXOM e o PEPRI para lle pór límites aos pisos turísticos