PREGUNTA ORAL DE FRANCISCO JORQUERA PARA O #PLENOMARZO DO 2M
"Este é o goberno do diálogo? Con quen?"
En numerosas ocasións a alcaldesa ten feito do diálogo bandeira do seu mandato, con frases do estilo de “espero que este sexa o mandato do diálogo e por iso vou traballar con todas as forzas políticas” ou “o mandato do diálogo dá os seus froitos en beneficio da Coruña”.
Mais unha cousa é a retórica e outra ben distinta, a realidade. “Diálogo? Con quen?”, pregúntase Jorquera. E respóndese a si propio nestes termos: “Porque estamos en marzo e o Goberno Local nin dialogou cos grupos municipais para presentar un proxecto de orzamentos para 2023 nin tan sequera o fixo para presentar un modificativo e así evitar, entre outras cousas, que as entidades sigan sen convenio (estes deixaron de estaren vixentes porque, a diferenza dos orzamentos, non poden ser prorrogados)”.
O Goberno Local gábase de ser dialogante, mais non é iso o que nos trasladan as entidades sociais coas que nos reunimos. “Unha crítica que moitas persoas nos transmiten é que o Goberno Local non só no dialoga, senón que moitas veces nin sequera responde ás peticións e solicitudes que se lle fan”. “Iso si, agás cando se achegan as eleccións”, puntualiza Jorquera.
O voceiro nacionalista cuestiona tamén os froitos do diálogo con outras administracións. Así, a respecto da Xunta, eis vemos como cada día “Goberno Local e Xunta nos agasallan cun novo capítulo do seu folletín, chámese Mercado e Centro de Saúde de Santa Lucía ou convenio do CHUAC”, a usaren as institucións “para o caneo en curto en chave electoral”.
E canto ao suposto “fío directo” co Goberno Sánchez os resultados están á vista: o acordo sobre a antiga prisión provincial é oneroso para as arcas municipais, Defensa continúa a pór atrancos ao desenvolvemento da Cidade das TIC porque non quer renunciar a uns aproveitamentos urbanísticos desproporcionados e o Estado non acepta a excepción coruñesa e deixa caer o modelo húmido seco de tratamento e xestión do lixo, a pesar de este ter sido considerado parte do ADN da cidade polo propio Goberno Local.
Tampouco hai diálogo cos concellos da comarca, nin sobre o necesario impulso da área metropolitana (“onde está o anteproxecto que anunciaron en agosto de 2021?”, inquire Jorquera) nin sobre o anteproxecto da planta de Nostián, co Consorcio das Mariñas a coñecer pola imprensa os contidos do anteproxecto da nova planta e a renuncia ao modelo húmido seco.
En definitiva, o Goberno Local entende o diálogo como “un slogan” e non como “un método para fomentar a participación e unha ferramenta para construír consensos”, conclúe Jorquera.