JORQUERA FORMULARÁ A CUESTIÓN NO #PLENOSETEMBRO DESTE XOVES 7S

Os principais contratos do Concello, entre a precariedade e os incumprimentos

Jorquera
Jorquera, durante un Pleno
A incerteza afecta os principais contratos do Concello da Coruña -velaí a recente anulación da adxudicación da recollida do lixo por parte do TSXG, o feito de a concesión de Nostián ter caducado en decembro de 2019 ou a precariedade coa que EMVSA está a xestionar o Centro Deportivo do Castrillón-, co conseguinte impacto na calidade dos servizos que se prestan á veciñanza.
Os principais contratos do Concello, entre a precariedade e os incumprimentos

Precariedade a respecto da situación dos contratos -concesións anuladas ou caducadas- e incumprimentos na execución das cláusulas que regulan as concesións, como no servizo de limpeza viaria.

Así o considera o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, quen vai formular a cuestión no Pleno deste xoves 7S en forma de pregunta oral.

“Que valoración fai o Goberno Local da súa política de contratación pública?”, inquire Jorquera.

Canto á recente anulación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza do servizo de recollida de lixo, vixente desde hai 3 anos, o portavoz nacionalista salienta que das seis empresas que se presentaron ao concurso dúas foron eliminadas por non acadaren a puntuación mínima. Despois aconteceu que as dúas ofertas mellor puntuadas foron tamén anuladas por unha resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGAL).

Así as cousas, foi preciso ir a unha nova adxudicación da que resultou gañadora a empresa que inicialmente acadara o terceiro posto. Mais o contrato ficou anulado polo TSXG por considerar que a adxudicataria non ten debidamente acreditado dispor do inmóbel esixido para a prestación do servizo.

Conferencia de prensa Jorquera sobre o STL 2
Imaxe dunha conferencia de prensa ofrecida por Jorquera sobre o caso STL

A solución que ofrece o TSXG é dar a razón á empresa que acabou cuarta no proceso selectivo, mais tamén aquí hai un problema, pois esta incumpre igualmente os requisitos dos pregos, “pois a parcela que ofertou non ten a condición de soar”.

Por tanto, se a sentenza se tornar firme, sería precioso iniciar o proceso de adxudicación desde cero, advirte Jorquera.

A precariedade afecta de igual xeito a concesión do Complexo Deportivo do Castrillón. No anterior mandato, e contra o criterio do BNG, o Goberno Local desbotou a xestión directa e optou por unha concesión conxunta co Complexo Deportivo de San Diego. Mais mentres ese proceso non se completar, encomendou a administración do Complexo Deportivo do Castrillón a EMVSA, co problema de que esta empresa municipal non dispón dos recursos precisos para cumprir con eficacia o encargo.

“A consecuencia é que os servizos que tivo que subcontratar EMVSA estanse a prestar en precario, porque o contrato xa está caducado, e as irregularidades e os incumprimentos na prestación son sistemáticos”, diagnostica Jorquera, quen exemplifica: “Hai franxas horarias onde a sala de fitness non conta con persoal técnico ou este atópase realizando outras funcións. Socorristas e monitores vense obrigados a realizaren de xeito simultáneo diversas tarefas”.

O panorama complétase cos incumprimentos sistemáticos na prestación do servizo por parte da concesionaria da limpeza viaria, cun agravante: “O STL segue campando as súas anchas, ditando as políticas de persoal e practicando a represión sindical”, denuncia Jorquera.

"O STL segue campando ás súas anchas, ditando as políticas de persoal e practicando a represión sindical"

Nese sentido, apunta o portavoz nacionalista que recentemente un traballador foi represaliado pola dirección da empresa -coa apertura dun expediente sancionador por falta moi grave- após denunciar acoso laboral despois de se dar de baixa do STL e se afiliar a outro sindicato.

Canto aos incumprimentos na prestación do servizo, Jorquera denuncia que nos meses de verán non se realizou ningún baldeo auxiliar (xusto cando son máis necesarios) e mesmo houbo días en que as praias ficaron sen limpar. Tampouco se reforzou o servizo nin nas festas de María Pita nin no Morriña Fest.

 

   

Os principais contratos do Concello, entre a precariedade e os incumprimentos