SOBRE A TRANSFERENCIA DA ESTRADA DP-0512, A SITUACIÓN DE NOSTIÁN E A ELABORACIÓN DUN PLAN LOCAL DE SAÚDE PÚBLICA
O primeiro Pleno ordinario do novo mandato aproba por unanimidade as tres mocións do BNG
A primeira das mocións defendeuna o concelleiro David Soto. Por que demandamos a transferencia da estrada DP-0512, cuxo titular actual é a Deputación? “Porque afecta nalgún punto a seguridade peonil e faino de forma grave, como no caso do paso inferior da intersección coa Avenida de Someso”. Relatou Soto que estamos perante un “problema de longa data” e diante dunha reivindicación que a veciñanza ten traslado ao BNG millenta veces.
O problema só poderá vir a ter solución se se transferir a estrada -que decorre por máis de tres quilómetros de zona urbana e urbanizada- ao Concello.
Mais, antes de se realizar o traspaso -e tal e como demandaba o PP nunha emenda que aceptamos- cómpre que a Deputación atenda as súas obrigas e resolva problemas como a falta de beirarrúas, a ausencia de medidas de calmado de tráfico ou o insuficiente número de marquesiñas en Mesoiro.
Salientou que “as e os concelleiros do BNG residimos en barrios populares: Novo Mesoiro, O Castrillón, Os Mallos, Monte Alto. Somos moi consciente de que isto non é máis que a punta do iceberg dun problema que é moito máis profundo e que remite para o estado de abandono en que se achan a maior parte dos barrios da cidade”.
Canto á moción sobre a planta de Nostián, o noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera, instou o Goberno Local a que se dea cumprimento de vez ao pronunciamento do Pleno de marzo de 2023: cómpre defender ante o Estado o modelo húmido seco por ser máis sustentábel -recupera máis rechazos- que Sogama e cómpre consensuar os pregos do novo contrato co Consorcio das Mariñas.
A demora na redacción dos pregos é paralela ao agravamento da deterioración das instalacións de Nostián e ao incumprimento por parte de Albada da súa obriga, refrendada por sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, de selar os dous vasos colmatados de lixo.
Non só non se selan os vasos, senón que continúa sen haber solución para os refugallos que se seguen a enviar ao Centro Xestor das Pías en Sobrado dos Monxes, denunciou Jorquera.
O noso voceiro emprazou o Goberno Local a que canto antes cumprise coas súas obrigas.
Basicamente tres: licitar canto antes a nova concesión de Nostián (non é de recibo que a planta leve fóra de contrato desde decembro de 2019), que antes de sacar a adxudicación a concurso se garanta, en negociación co Estado, o mantemento do modelo húmido seco e que se inste a Albada a que cumpra a sentenza e obrigue a empresa a selar os vasos colmatados de lixo.
Finalmente, o Pleno debruzouse sobre a derradeira das mocións formuladas polo BNG, a defendida por David Soto visando a elaboración dun Plan Local de Saúde Pública para o período 2024-2027.
Defendeu Soto que o fenómeno da drogadicción, especialmente daniño para os sectores da poboación máis humildes e vulnerábeis, precisa dunha abordaxe multidisciplinar que en ningún paso pasa pola focaxe punitivista típica da dereita -a petición de máis “man dura- nin tampouco pola estratexia a avestruz, a de agachar a cabeza por debaixo do chan e fuxir das propias responsabilidades, aquela que protagoniza a Xunta.
“A man dura”, remarcou Soto, serve, como moito, para trasladar o problema dun barrio a outro, para varrer o po por debaixo da alfombra”
O que cómpre é -tendo en conta o magnífico labor de entidades sociais como a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga, con cuxa dirección se reuniu esta semana o noso concelleiro- dar resposta desde o Concello a este complexo fenómeno e facelo a partir dun Plan Local de Saúde Pública que reforce as ferramentas en mans da administración local.
O Plan debe incorporar ferramentas como a mellora da carteira de servizos do Concello, a dotación de espazos seguros ás persoas drogodependentes, o control dos puntos de venda e o apoio máis decidido ás entidades sociais que traballan neste ámbito.
“O reto é complexo. Mais estamos a tempo de lle dar unha resposta axeitada. Unha resposta que evite caer no alarmismo ou vender solucións ineficaces para as súas consecuencias sociais, pero tamén unha resposta digna de tal nome”, concluíu.